Ana González Abelleira explica que se están a cubrir demandas e necesidades co fin de mellorar servizos e crear vida social nestes núcleo.
A petición da veciñanza se están a instalar bancos en As Pedreiras, Frigsa e Piugos, despois de restaurar mobiliario en desuso.

O Executivo de Paula Alvarellos avanza no plan de acción deseñado para as parroquias rurais do municipio, para o que a edil de Cohesión Social e Territorial, Ana González Abelleira, está a estudar cada un destes núcleos co obxectivo de determinar as súas principais necesidades no que respecta a todo tipo de infraestruturas e tamén a dotacións, desde a conservación e dinamización sociocultural dos centros cívicos, ata a rede viaria, de abastecemento e saneamento, alumeado público, sinalización, ou conservación do patrimonio, por citar algunhas.
Analizar todos estes servizos e recoller as demandas da veciñanza forma parte dese plan de acción do Executivo de Paula Alvarellos co rural, un compromiso que a propia alcaldesa transmitiu aos pedáneos e pedáneas das 54 parroquias rurais nunha reunión recente, e que pasa por garantir a seguridade e o benestar dos lucenses que viven nas zonas rurais, dinamizando a vida nestas parroquias e mellorando as súas prestacións e servizos.
A edil responsable da zona rural está a desenvolver unha rolda de encontros coas persoas que viven nestes núcleos rurais para "establecer un diálogo construtivo con veciños e veciñas, ademais de cos pedáneos e coñecer de primeira man as súas necesidades. Así podemos realizar un estudo da situación da cada parroquia, e ao mesmo tempo, determinar as prioridades e demandas de cara área. Unha vez determinada e definida a situación, podemos actuar dun xeito áxil e efectivo e cubrir todas estas demandas", sinalou Ana González Abelleira.
Instalación de bancos
De feito, esta mañá a concelleira de Cohesión Social e Territorial supervisou a colocación dun banco con soleira en Pena da Mula, na parroquia de Piugos, dando resposta a unha das peticións que lle fixeron os veciños e veciñas da zona nunha recente reunión. Esta actuación responde ás distintas intervencións que está levando a cabo o Executivo de Paula Alvarellos nas parroquias rurais do municipio lucense, ao igual que en días atrás se fixo nas Pedreiras, no interior das instalacións deportivas, onde se instalou un banco, ou nas inmediacións do campo de fútbol de Frigsa, onde se colocaron dous. En todos os casos trátase de mobiliario urbano que estaba en desuso, e que foi recuperado tras un proceso de rehabilitación e posta en valor.
O banco está situado no límite entre Piugos e San Lázaro da Ponte, e vén a completar outras intervencións executadas nesta zona, entre as que destacan a limpeza do campo da festa, ou o asfaltado de pistas. Trátase de actuacións solicitadas polos lucenses desta parroquia, que recentemente mantiveron unha reunión coa concelleira Ana González Abelleira para trasladarlle as súas petición. Neste caso concreto, a edil encargada da zona rural explicou que "ademais de responder ás peticións da veciñanza, cremos que contribúe a crear vida social nas parroquias rurais".
Audio
- A edil de Cohesión Social e Territorial, Ana González Abelleira, sobre o rural | Descargar mp3



