O Executivo de Lara Méndez renova o alumeado do pavillón da Casa do Deporte

A pista de xogo da instalación situada no parque da Milagrosa conta xa con novas luminarias de tecnoloxía LED,  o que supón un considerable aforro enerxético, amplía a súa durabilidade e mellora a calidade lumínica.

O pavillón, que será proximamente unha das sedes do Torneo Lugo Sala, alberga diariamente a actividade de máis de 200 deportistas de distintas disciplinas como fútbol, balonmán ou voleibol.

O edil de Deportes, Jorge Bustos, anunciou que esta actuación se enmarca dentro do Plan Dinámico de Intervención posto en marcha pola súa área para conservar as instalacións deportivas municipais.

Mércores, 27 de decembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Lara Méndez renova o alumeado do pavillón da Casa do Deporte

O Executivo de Lara Méndez, a través da Concellería de Deportes que dirixe Jorge Bustos, renovou ao longo destes días o alumeado da Casa do Deporte. Deste xeito, a pista de xogo da instalación situada no parque da Milagrosa conta xa con novas luminarias de tecnoloxía LED, o que supón un considerable aforro enerxético, amplía a súa durabilidade e mellora a calidade lumínica. “O obxectivo desta intervención é modernizar unha instalación que rexistra unha importantísima actividade deportiva durante os sete días da semana ao tempo que favorecemos un aforro enerxético considerable e extendemos as horas de uso do sistema reducindo así os seus gastos de mantemento”, sinalou o edil.

De feito, este pavillón, que será proximamente unha das sedes do Torneo Lugo Sala, alberga diariamente os adestramentos de máis de 200 deportistas de disciplinas como o fútbol sala,  o balonmán ou o voleibol, así como numerosas competicións destes e outros deportes. “A importancia estratéxica deste polideportivo municipal como soporte da actividade dunha parte considerable do tecido deportivo da zona norte da cidade é incuestionable. Por iso, estamos a planificar unha serie de melloras que nos permiten incrementar a calidade da instalación e evitar o seu desgaste. Deste xeito, xunto coa renovación do alumeado, aproveitamos a redución de actividade destes datas para instalar un novo vinilo cunha nova imaxe e novas dimensións no círculo central da pista a petición dos clubes de balonmán”, apuntou Bustos.

O edil de Deportes recordou que esta actuación se enmarca dentro do Plan Dinámico de Intervención posto en marcha pola súa área para conservar e modernizar as instalacións deportivas. En total, a capital conta na actualidade con máis de medio cento de recintos municipais destinados á práctica deportiva e ao adestramento que o Concello cede gratuitamente ao tecido asociativo e sobre os que exerce unha supervisión continuada para garantir o seu bo estado.

Nos últimos meses, desde que se comezou a implementar o novo Plan Dinámico de Intervención nas instalacións deportivas municipais, o investimento total en distintas melloras supera os 87.000 euros. “O feito de ter elaborado este documento nos está permitir desenvolver unha planificación semestral para que todas estas dependencias sigan tendo coidados axeitados”, explicou Bustos, quen matizou que todos estes traballos se están a acometer tratando de interferir o mínimo posible na actividade que cada unha das instalacións.

Audio

 

Multimedia

  • O Executivo de Lara Méndez renova o alumeado do pavillón da Casa do Deporte

Noticias relacionadas