A responsable de Cohesión Social, Ana Abelleira, anunciou á convocatoria de axudas para proxectos de cooperación cunha dotación de 40.000 euros.
Ademais o Goberno local destina 10.000 euros ao desenvolvemento de campañas de sensibilización e concienciación.
“Procuramos, na medida das nosas posibilidades, contribuír a acadar unha igualdade de oportunidades real noutras sociedades do noso planeta”, destacou a concelleira.

O Executivo de Lara Méndez reafirmou o compromiso de Lugo coa cooperación internacional na asemblea xeral do Fondo Galego e Solidariedade celebrada en Santiago. Unha vez rematada a xuntanza, na que se abriu o novo ciclo 2023-2027, a responsable de Cohesión Social, Ana Abelleira, anunciou que o Goberno local dedicará 40.000 euros ao desenvolvemento de proxectos de cooperación internacional. A edila anunciou a apertura dunha convocatoria de subvencións destinadas a este fin para Organizacións no Gobernamentais. “Este ano apostamos por financiar os proxectos executados nalgún dos 11 países prioritarios no V Plan director de cooperación galega. O obxectivo é mellorar a eficiencia dos recursos económicos ao tempo que traballamos en sintonía co marcado neste plan director”, sinalou a concelleira que aludiu á complexidade destas iniciativas que requiren unha alta contía de financiamento.
Ademais deste investimento, o Goberno local aposta tamén por visualizar a necesidade de traballar en prol de mellorar a cohesión social nos puntos xeográficos máis desfavorecidos do mundo. Deste xeito, a área de Cohesión Social destina outros 10.000 euros ao desenvolvemento de campañas de sensibilización e concienciación sobre a necesidade de corrixir as desigualdades de xeito global. “Procuramos, na medida das nosas posibilidades, expandir o compromiso do Executivo de Lara Méndez por acadar unha igualdade de oportunidades real noutras sociedades do noso planeta nun estreito traballo de colaboración cos colectivos especializados e co resto das administracións galegas a través do Fondo Galego de Cooperación. Xuntos, chegamos máis lonxe”, dixo Abelleira.
Nesta Asemblea Xeral presentouse tamén en primicia a campaña ‘313 Olladas Solidarias’ que o Fondo Galego desenvolverá neste último trimestre por toda Galicia co fin de ampliar o número de administracións locais socias. En canto ás accións desenvolvidas no presente exercicio en relación, destaca o II Encontro Estatal de Gobernos Locais e Cooperación Internacional, organizado en Lugo coa participación de máis de 200 asistentes, ou as recentes visitas de delegacións chegadas de Brasil, Italia, Príncipe e da República Árabe Democrática Saharauí para intercambiar experiencias. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 99 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento.
Audio
- A edil de Cohesión Social, Ana Abelleira, sobre as axudas á cooperación | Descargar mp3