O proxecto de peonalización prevé a rexeneración dos espazos públicos, integrando nunha plataforma unitaria a rúa, a praza, a Capela do Carme e o Museo.
Acondicionaranse as zonas verdes, mellorarase a iluminación e se procederá a renovar os servizos e as redes de abastecemento e de saneamento.
A alcaldesa incidiu novamente en que “a iniciativa axudará a revalorizar o barrio co propósito de incentivar a rehabilitación dos edificios por parte dos seus propietarios”.
O importe da licitación ascendeu a 552.213 € euros e a empresa adxudicataria disporá agora dun prazo de cinco meses para realizar os traballos.

O Executivo de Lara Méndez vén de adxudicar esta mesma mañá os traballos de humanización e peonalización da praza e a rúa do Carme.
A Xunta de Goberno Local outorgou o contrato a Construcciones Sanle Lugo por un importe de 552.213 euros, dispoñendo agora a empresa dun prazo de execución de cinco meses para realizar os labores.
A rexedora lembrou que “a actuación pretende dignificar esta entrada ao Centro Histórico na que conflúen os Patrimonios da Humanidade da Muralla e o Camiño Primitivo”.
O proxecto, que inclúe a rexeneración de toda a zona, se enmarca na estratexia de Lara Méndez para recuperar o barrio do Carme, uníndose á mellora xa realizada no propio Camiño e na Vía XIX coa que se impulsa a transformación completa do barrio tanto no aspecto urbanístico, como arquitectónico, económico e social.
A iniciativa engádese, ademais, a outras medidas en marcha como a musealización da Cloaca, a creación do primeiro coliving artístico municipal de toda España, a posta en marcha dunha bolsa de estacionamento público e gratuíto detrás da Capela – que se completará con máis prazas a disposición no Fogar de Santa María - ou o parque en homenaxe ás vítimas da Covid, que suporán un antes e un despois para esta contorna de especial protección.
Méndez fixo fincapé en que a intervención, totalmente respectuosa coa protección que esixe o ámbito, contempla unha plataforma unitaria que integrará a rúa do Carme co xardín, a Capela e o Museo, para gañar espazos e darlles máis luminosidade, atendendo a criterios de embelecemento e de seguridade vinculada coa perspectiva de xénero.
A obra, que abarca case tres quilómetros de superficie, alcanza tamén ás travesías de Noriega Varela e do Carme e a senda peonil que une Noriega Varela coa praza, por detrás da Capela.
Entre outras tarefas, se substituirán os actuais firmes e toda a praza quedará á mesma cota para eliminar as barreiras arquitectónicas. Igualmente, os servizos como as redes de abastecemento e saneamento serán renovados, soterrando tamén os actuais tendidos aéreos de baixa tensión e de telecomunicacións.
“Optamos, alén, – subliñou a alcaldesa - por acondicionar os xardíns, mellorándoos con céspede e flores novas, en prol dunha maior naturalización de todo o espazo, no que se manterá o exemplar de maior porte, mentres que as especies deterioradas serán retiradas e substituídas por outras”.
“Ademais, melloraremos a iluminación e instalarase mobiliario urbano e arboredo por toda a rúa en prol dunha maior confortabilidade dos espazos que serán accesibles. O obxectivo é ennobrecer toda a contorna, tanto polo seu valor histórico e patrimonial como para revalorizar o barrio e incentivar tamén a rehabilitación dos edificios por parte dos seus propietarios”, concluíu.
O proxecto será cofinanciado nun 80% con fondos Feder da estratexia DUSI Muramiñae.
Outros asuntos da Orde do Día
Entre os asuntos abordados esta mañá en Xunta de Goberno figurou tamén a adxudicación a Seyvi Seguridad do contrato para asumir o servizo de vixilancia tanto nos Centros de Convivencia Municipais como no Centro Interxeracional Paco Martín da Piringalla durante tres anos, sen opción a prórroga e por valor de 796.665 euros.
Igualmente se otorgou a Ogalia Contratas a licitación para implantar a rede de abastecemento de auga no núcleo de Cimadevila, parroquia de Pedreda. Unha obra que suporá un investimento municipal de 94.985 € e terá un prazo de execución de tres meses.
Audio
- A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a adxudicación da Humanización do Carme | Descargar mp3