O executivo de Lara Méndez aprobou hoxe a tramitación de 15 expedientes de contratación, por valor de 4’1 millóns de euros, na segunda Xunta de Goberno da pandemia

O volumen de procedementos constata o compromiso da rexedora de priorizar, durante o teletraballo do persoal municipal, a axilización das adxudicacións públicas para promover a actividade económica local

O goberno autorizou tamén a concesión de 9 licenzas urbanísticas, entre elas a rehabilitación da casa reitoral de Coeses, que será un novo equipamento cultural comunitario

Luns, 11 de maio de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O executivo de Lara Méndez aprobou hoxe a tramitación de 15  expedientes de contratación, por valor de 4’1 millóns de euros, na segunda Xunta de Goberno da pandemia

Esta mañá o executivo de Lara Méndez mantiña a segunda Xunta de Goberno Local que o Concello de Lugo celebra dende o decreto do Estado de Alarma.

No encontro foron validados 15 expedientes de contratación de procedementos que estaban iniciados e agardaban adiados como consecuencia da pandemia, o que constata o compromiso, xa anunciado pola rexedora, de priorizar, dentro das tarefas que o persoal municipal debía realizar en situación de teletraballo, a axilización da licitación pública para promover a actividade económica local.

Así, a alcaldesa subliñou que “na sesión de hoxe foron adxudicadas as obras de substitución do céspede artificial no campo de fútbol municipal As Gándaras II, por un importe de 176.079 euros, así como a rexeneración do firme de varias estradas nas parroquias do Veral (Santo Matías), San Lázaro da Ponte e Esperante que, en conxunto supoñen un investimento de 176.830 €; ao mesmo tempo que se abriu o proceso para contratar o desbroce das pistas da zona rural, unha actuación que abrangue o acondicionamento de 750 quilómetros de vías ao que se destinarán 510.000 euros durante os próximos 4 anos. Intervencións xa comprometidas coa veciñanza dos núcleos que agora se reanudan para estender e mellorar a dotación de infraestruturas a todo o municipio”.

Alén disto, na reunión deste luns, se aprobaron os pregos e se autorizou o gasto para contratar diferentes servizos de mantemento como o das instalacións deportivas (300.000 €), o dos edificios pertecentes á administración local (300.000 €); o dos C.E.I.P e Escolas Infantís (255.000 €) ao igual que o das caldeiras que se atopan tanto neles como nas dependencias municipais (244.420 €); o dos equipos contra incendios (43.962 €) ou a conservación das vías da zona urbana (363.000 €). Tamén se procedeu á apertura do proceso para asumir o mantemento da plataforma de Software do programa Urbanismo en Rede, durante os próximos dous exercicios, e que poderá ter continuidade unha anualidade máis, por un valor de 15.972 euros.

De igual xeito, quedou formalizado o contrato para a impresión de recibos non domiciliados do Concello de Lugo e sae a concurso o do servizo de cociña, comedor e lavandaría para as Escolas Infantís Municipais de Serra de Outes (Lote 1) e Gregorio Sanz (Lote 2), presupostados en 99.564 euros e 102.068 euros, respectivamente.

Expedientes de licitación, que xunto ao xa anunciado para a construción do edificio Impulso Verde superan os 4’1 millóns de euros.

Por outra banda, o executivo local deu nesta xornada tamén o visto bo a 9 licenzas urbanísticas para, entre outras actuacións, acometer a mellora da accesibilidade ao ascensor nun inmoble de Rei Don García e para substituír o elevador noutro da avenida de Garabolos.

Tamén foi autorizada a rehabilitación da casa reitoral de Coeses que, cun investimento de 224.995 € euros, pasará a ter uso como equipamento cultural comunitario. Ademais foron aprobadas a reforma integral dunha vivenda na rúa Falcón, unha reparación nun edificio da avenida Adolfo Suárez, un cambio de uso de local a vivenda en Nicomedes Pastor Díaz, así como a ampliación dunha granxa de vacún de leite en Muxa de Arriba - e a modificación da parcela na que se atopa -, a construción dunha edificación destinada a almacén de apeiros agrícolas en San Andrés de Castro – Conturiz e a segregación de varias parcelas do Obispado para que outra da súa titularidade adquira a condición de soar.

Noticias relacionadas