O Concello de Lugo presenta o Plan Específico de Ordenación de Recursos Humanos para a regulación do persoal músico da Escola e da Banda Municipal

O Goberno local expuxo hoxe na mesa de negociación unha proposta de reclasificación para 19 postos, que permitirá axustar a súa clasificación profesional á realidade das funcións docentes que veñen desempeñando.

A medida forma parte dun traballo iniciado ao longo do actual mandato e que terá continuidade cun calendario de revisións que permita o axuste legal e técnico dos postos do persoal do Concello, que se levará a cabo de forma progresiva nos vindeiros meses, mediante a dimensión adecuada dos seus efectivos.

“O noso compromiso é garantir condicións xustas e recoñecemento profesional para quen sostén cos seus coñecementos e vocación os servizos públicos municipais”, subliñou a concelleira Ana González Abelleira.

Mércores, 30 de xullo de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo presenta o Plan Específico de Ordenación de Recursos Humanos para a regulación do persoal músico da Escola e da Banda Municipal

O Concello de Lugo deu hoxe un novo paso no seu obxectivo de avanzar na ordenación e estabilización do persoal municipal coa presentación dunha proposta formal na mesa de negociación do Plan Específico de Ordenación de Recursos Humanos da Banda e da Escola Municipal de Música. A proposta, que foi exposta esta mañá aos sindicatos, prevé a reclasificación dos 19 postos actualmente existentes —todos eles de músicos e músicas— do grupo C2 ao grupo C1, recoñecendo así o labor docente que estes profesionais veñen desenvolvendo.

Aínda que a decisión da mesa non é vinculante, o Executivo local trasladou xa a vontade política de avanzar coa modificación da RPT, que será aprobada nas próximas semanas unha vez completado o procedemento administrativo. A proposta foi recollida polos sindicatos con disparidade de opinións: mentres que UGT e Afi-USO se abstiveron, CC.OO., CSIF e CIGA votaron en contra.  Trátase dunha actuación construída sobre o traballo iniciado nas etapas previas do mandato e que, agora, o Goberno actual está en disposición de activar e executar.

“Esta modificación é un exemplo claro do noso modelo: un Goberno que escoita, que analiza con rigor técnico e xurídico e que actúa con determinación para dignificar o emprego público e mellorar o funcionamento interno da administración”, destacou a responsable da área, Ana González Abelleira.

A proposta formulada polo Goberno local inclúe a creación de 19 postos no subgrupo C1, mantendo o mesmo número de efectivos e respectando os principios de mérito e capacidade a través dun procedemento de promoción interna mediante concurso-oposición. Poderán acceder a estes postos os actuais traballadores e traballadoras que conten con máis de dous anos de antigüidade e a titulación requirida (Título Profesional de Música e Bacharelato), conforme á normativa vixente. Unha vez finalizado o proceso, os postos C2 serán amortizados, salvo nos casos nos que algún profesional non supere a promoción, podendo continuar no seu posto.

A modificación da RPT será, ademais, a primeira dunha nova serie de actualizacións impulsadas polo Goberno local ao abeiro dun plan integral de ordenación dos recursos humanos, que busca corrixir disfuncións, recoñecer a realidade laboral de cada servizo e facer da administración local un espazo máis xusto, eficaz e profesionalizado.

“Esta proposta é froito dun traballo moi serio e coordinado entre os diferentes servizos técnicos, os departamentos implicados e o equipo de Goberno, que facilitaron que presentásemos unha proposta técnica, xurídica e económica totalmente fundamentada. Estamos a planificar con sentido, e iso permítenos seguir avanzando dando respostas ás necesidades que nos trasladan os distintos departamentos”, rematou a concelleira.

Audio

  • A edil Ana González Abelleira, sobre o Plan Específico de Ordenación de Recursos Humanos | Descargar mp3

Noticias relacionadas