O alcalde de Lugo expresou o seu agradecemento polo compromiso e a traxectoria do xefe da Unidade de Atestados da Policía Local, que acumula máis de 35 anos de servizo na cidade.
“Falamos dun exemplo de implicación profesional e vocación pública, recoñecido a nivel local e nacional pola súa contribución á seguridade cidadá e viaria”, subliñou Miguel Fernández durante a recepción na Casa do Concello.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, recibiu este martes ao inspector da Policía Local José Luis Piñeiro Santos, recentemente galardoado coa medalla-estrela ao mando da Policía Local pola Asociación de Xefes e Mandos das Policías Locais de toda España. Un recoñecemento que o distingue como un dos mellores mandos intermedios do país polo seu elevado nivel profesional e o seu compromiso coa seguridade cidadá.
Miguel Fernández quixo destacar a entrega de Piñeiro Santos ao longo dunha carreira de case catro décadas, marcada pola vocación de servizo público e polos múltiples recoñecementos recibidos, como a Medalla de Ouro da cidade de Lugo, a Cruz de servizos distinguidos ou a Medalla da Policía Local con distintivo vermello. “O Concello e a cidadanía de Lugo estamos orgullosos de contar cun profesional desta valía”, asegurou o rexedor.
Durante o acto, no que tamén participaron o intendente da Policía Local, Jesús Piñeiro Santos, e o inspector José Manuel Río Espiño, puxéronse en valor os logros profesionais do homenaxeado, así como o seu labor actual como máximo responsable da Unidade de Atestados, tras unha ampla traxectoria en distintas unidades, con especial dedicación á brigada nocturna e á seguridade viaria.


