O centro móbil de control da Policía Local consolídase como ferramenta clave para garantir a seguridade e a resposta inmediata durante o San Froilán

O dispositivo permitiu actuar con absoluta inmediatez ante diferentes incidencias rexistradas nas zonas de maior afluencia.

O sistema de cámaras facilitou a detección de calquera incidencia en menos dun minuto, coordinando a intervención das patrullas con gran eficacia.

O alcalde, Miguel Fernández, puxo en valor “a coordinación e a profesionalidade dos corpos de seguridade, que fan posible un San Froilán seguro e marcado pola convivencia”.

Venres, 10 de outubro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O centro móbil de control da Policía Local consolídase como ferramenta clave para garantir a seguridade e a resposta inmediata durante o San Froilán

O centro móbil de control da Policía Local consolidouse nestas festas como unha das ferramentas máis eficaces do dispositivo especial de vixilancia do San Froilán. O sistema, situado na Praza Horta do Seminario, permite supervisar en tempo real a actividade no recinto feiral e no centro histórico, reducindo o tempo de resposta ante calquera incidencia e reforzando a coordinación entre os corpos de seguridade.

Segundo explicou o intendente xefe da Policía Local, Jesús Piñeiro, “o sistema de cámaras está a permitir detectar calquera tipo de incidencia en menos dun minuto, o que posibilita unha intervención inmediata das unidades e un control global do recinto”. Engadiu que “é unha ferramenta que nos axuda a diminuír os índices de incidencias e a garantir que as festas transcorran con total normalidade”.

Este control visual abrangue as zonas de maior afluencia —como as casetas do polbo, os concertos da Horta do Seminario ou a contorna da Praza de Santa María—, así como os principais puntos de tránsito entre o recinto feiral e o centro histórico. O centro móbil tamén serve de punto de coordinación para planificar os accesos de vehículos de emerxencia e activar as rutas de evacuación previamente deseñadas cara ao HULA ou ao PAC da Residencia, asegurando unha resposta rápida e ordenada en caso de necesidade.

Durante as festas, o dispositivo permitiu actuar con absoluta rapidez en diferentes situacións, como un pequeno incendio nunha tenda do feiral, un altercado nun establecemento de hostalería e un caso de violencia de xénero no que se interveu de inmediato grazas á detección dende o centro de control. Tamén se supervisaron os fluxos de persoas e a capacidade en zonas de maior densidade, o que permitiu adoptar medidas preventivas antes de que se producisen aglomeracións.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacou a eficacia do dispositivo e o compromiso dos profesionais implicados: “A coordinación e a profesionalidade dos corpos de seguridade, apoiados polos novos medios tecnolóxicos, fan posible que o San Froilán siga sendo unha festa segura, marcada pola convivencia e pola confianza da veciñanza.”

O sistema, conectado a cámaras fixas e portátiles e ao dron policial de alta definición, facilita o control dunha área de varios quilómetros cadrados, tanto de día como de noite. Ademais do seu valor operativo, funciona como elemento disuasorio fronte a posibles delitos menores, como os furtos, que nos últimos anos rexistraron unha tendencia á baixa durante as patronais.

A monitorización realízase cumprindo coa Lei Orgánica de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais. O centro móbil de control consolídase así como unha ferramenta esencial de prevención e resposta inmediata, que reforza a seguridade cidadá e garante o bo desenvolvemento dunhas festas patronais caracterizadas pola convivencia, o civismo e a participación multitudinaria.

Multimedia

  • O centro móbil de control da Policía Local consolídase como ferramenta clave para garantir a seguridade e a resposta inmediata durante o San Froilán

Noticias relacionadas