O alcalde, Miguel Fernández, puido revisar os novos materiais durante a reunión semanal que mantén co intendente e o inspector xefe do corpo.
“O compromiso deste Goberno coa seguridade vai máis alá das infraestruturas: tamén se traduce en mellorar os medios e condicións do persoal que a garante cada día”, destacou o rexedor.

A Policía Local de Lugo vén de renovar parte da súa indumentaria cun total de 854 prendas, incluíndo pantalóns, polos de manga curta e longa, e cazadoras. A adquisición supón un investimento de 84.000 euros por parte do Concello, dentro da súa liña de reforzo dos recursos materiais destinados aos corpos de seguridade.
O alcalde, Miguel Fernández, puido comprobar este novo equipamento durante a reunión semanal que mantén cos responsables do corpo, o intendente Jesús Piñeiro e o inspector José Manuel Río.
“Unha policía con medios adecuados está en mellores condicións para desenvolver o seu traballo con garantías e seguridade”, sinalou Fernández, quen engadiu que “é unha obriga institucional dotar aos corpos de seguridade dos recursos que necesitan para prestar un servizo público á altura do que merece a veciñanza”.
O Goberno local manterá esta liña de actuación cun plan progresivo de renovación e actualización da dotación da Policía Local, como parte dunha aposta clara por unha cidade segura e con servizos públicos ben dimensionados.



