Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Xoves, 18 de xuño de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Un home é detido na Avenida de Madrid por golpear a súa parella durante unha discusión

Os axentes foron comisionados a un domicilio da Avenida de Madrid tras recibir aviso dunha discusión de parella, alertados primeiro por un veciño e despois polo servizo do 112. Entrevistadas as partes por separado, a muller relatou que durante a discusión, ao coller o teléfono para chamar á policía, a súa parella deulle un golpe na man que fixo caer o terminal ao chan, fracturándoo. O home recoñeceu o feito. Os axentes procederon á súa detención, sendo debidamente informado dos seus dereitos. A muller, á que se lle ofreceu asistencia sanitaria, que declinou, foi informada das vías de denuncia dispoñibles, manifestando que non desexaba interpoñer ningunha nese momento.

Unha muller alerta dunha agresión por parte da súa exparella e é acompañada ao seu domicilio

Unha muller visiblemente alterada requiriu os axentes manifestando que esa mañá a súa parella a agarrara con forza polo brazo dereito, e que posteriormente, cando estaba sentada cunha amiga na vía pública, o home acudira ao lugar para increpala e impedirlle marchar. O agresor abandonou o lugar en motocicleta antes da chegada dos axentes, sen que puidese ser localizado na zona. A muller referiu ter presentado unha denuncia anterior por feitos similares. Os axentes informárona dos pasos a seguir e acompañárona ata o seu domicilio. Indicou que acudiría a presentar denuncia tras atender un asunto no seu traballo.

Dous agredidos nun establecemento da zona de ocio nocturno; o presunto autor é localizado pouco despois por unha patrulla

Dous homes alertaron os axentes do Grupo Operativo Nocturno de ter sido atacados sen mediar provocación por un individuo no interior dun establecemento de hostalaría, que abandonou o lugar en vehículo. Ambos presentaban lesións superficiais en cara e pescozo. Un traballador do local, testemuña dos feitos, explicou que o agresor saíra a raíz dunha conversa que os dous afectados mantiveran coa súa parella. O establecemento conta con cámaras de videovixilancia, cuxas gravacións foron requiridas para a súa conservación. Minutos despois, un indicativo policial localizou o vehículo e entrevistouse co seu condutor, que recoñeceu o altercado pero negou ter agredido a ninguén. Os afectados manifestaron a súa intención de presentar denuncia.

Unha muller entra nunha vivenda na Rúa Lavandeira sen autorización dos propietarios

Mentres patrullaban pola Rúa Lavandeira, os axentes da Policía de Barrio foron requiridos por varios viandantes que observaran como unha muller accedía a unha vivenda que non era a súa. O copropietario do inmoble presentouse no lugar. Cando os axentes se entrevistaron coa ocupante, esta recoñeceu ter entrado esa mañá de forma voluntaria, golpeando a porta ata conseguir abrila sen necesidade de forzar a pechadura, e ser plenamente consciente de que non contaba con autorización dos propietarios. Foi conminada a abandonar o inmoble, o que fixo sen opoñer resistencia. Os propietarios non observaron danos nin obxectos subtraídos. Informouse a muller de que os feitos poderían constituír un delito de usurpación, e ofrecéuselle contacto con Servizos Sociais, que rexeitou.

Os axentes atenden dúas situacións de posible ocupación de vivendas deshabitadas

Na Avenida da Coruña, os axentes acudiron ante o aviso dun posible intento de ocupación. A porta do inmoble atopábase aberta sen sinais de ter sido forzada, e o interior estaba baleiro. A vivenda presentaba un aparente estado de abandono. Os axentes aseguraron a porta de acceso e iniciaron os trámites para advertir os titulares do inmoble da necesidade de aseguralo.

No Barrio de Xuíz, unha propietaria alertou de que un descoñecido acondicionara o interior dun alpendre da súa finca para durmir, con taboas a modo de cama elevada, mantas e provisións de alimentos. Non foi localizada ningunha persoa no lugar nin se rexistraron danos. A propietaria foi informada de que debía contactar de novo cos axentes se chegaba a ver a persoa.

Unha muller que camiñaba polo tellado dun edificio da zona centro é identificada

O presidente dunha comunidade de veciños alertou os axentes de que unha muller estaba camiñando polo tellado comunitario traseiro do edificio. Identificada a implicada como usuaria duns apartamentos turísticos, explicou que accedera ao tellado crendo que formaba parte dunha terraza de uso común do establecemento e que descoñecía que a súa presenza alí constituía unha imprudencia. Comprometeuse a non repetilo. Dado que os axentes non puideron determinar se o acceso desde os apartamentos cumpre a normativa vixente en materia de seguridade, considerouse oportuno trasladar o informe ao departamento técnico para a súa valoración.

Identificado e denunciado un mozo que consumía drogas no interior dun local de máquinas recreativas infantís durante o desfile dos Actos do Antigo Reino de Galicia

Con motivo do servizo especial de vixilancia e acompañamento da comitiva dos Actos do Antigo Reino de Galicia, unha viandante alertou os axentes de que dous mozos se atopaban consumindo substancias estupefacientes no interior dun local de máquinas recreativas infantís da Praza Campo Castelo, que se atopaba aberto ao público.

Persoados no lugar, os axentes comprobaron os feitos e requiriron os dous mozos para que abandonasen o establecemento. Un deles adoptou desde o primeiro momento unha actitude desafiante e non atendeu ningunha das indicacións dos efectivos. Cando a comitiva oficial se aproximaba ao lugar, o mozo tentou interpoñerse no seu paso, sendo necesario que os axentes o suxeitasen fisicamente para evitar que entorpecese o desfile.

Unha vez que a comitiva pasara, foi requirido para identificarse a efectos de tramitar a denuncia por desobediencia, manifestando non portar documentación. Durante o rexistro corporal superficial practicado a continuación interviñéronselle unha substancia de cor marrón con forte cheiro a haxix. Foi trasladado a dependencias policiais para a súa identificación. Os axentes destacaron como circunstancia agravante o feito de que o consumo se estaba producindo nun establecemento de entretemento infantil, aberto ao público e con presenza potencial de menores.

ESTABLECEMENTOS PÚBLICOS E CONVIVENCIA CÍVICA

A Policía Local formula denuncias por locais coas portas abertas e intervén en dous casos de micción na vía pública

No transcurso do servizo nocturno, durante a patrulla preventiva a pé, no marco de control de establecementos de ocio nocturno, os axentes confeccionaron acta–denuncia a dous locais do centro da cidade por desenvolver a súa actividade coas portas abertas, incumprindo a normativa municipal que regula as condicións de exercicio da actividade en horario nocturno, ao transmitir ao exterior o ruído e a música do interior do local.

No mesmo contexto da actividade de ocio nocturno, os axentes sorprenderon dúas persoas ouriñando na vía pública na zona centro. Ambos os casos foron obxecto da correspondente denuncia.

SEGURIDADE VIARIA

Cinco novas intervencións por alcoholemia, un ciclomotor sen habilitación e un vehículo retirado pola guindastre por acumular tres infraccións graves

A xornada volveu deparar unha actividade intensa en materia de control viario, con cinco intervencións por condución baixo os efectos do alcohol, un ciclomotor cuxo condutor carecía da habilitación administrativa correspondente e un vehículo retirado pola guindastre municipal ao acumular tres infraccións graves simultáneas.

O caso de maior gravidade rexistrouse na Rúa Montero Ríos, onde os axentes observaron un turismo que describía unha manobra antirregulamentaria: detivo a marcha, deu marcha atrás e impactou contra un elemento de balizamento de obra coa aparente intención de cambiar de sentido. Ao contactar co condutor, este xustificou a manobra crendo que a vía estaba cortada, pese a que existía un carril perfectamente sinalizado e delimitado. Presentaba fala pastosa, ollos brillantes e pupilas dilatadas. As probas de alcoholemia arroxaron 0,67 mg/l en ambas as medicións, tras aplicar a marxe de erro, superando finalmente o limiar delictivo, polo que se instruíron dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria.

No filtro de seguridade viaria realizado na confluencia da Rúa Serra de Outes coa Rúa da Saúde, un condutor deu resultado positivo de 0,67 e 0,62 mg/l, nivel. Noutro filtro na mesma zona, un segundo condutor, neste caso novel, deu 0,27 e 0,26 mg/l aplicados os marxes de erro, quedando en nivel administrativo; o seu vehículo foi inmobilizado.

Na Praza Fonte dos Ranchos, os axentes detectaron un turismo que carecía de seguro en vigor e tiña a inspección técnica con resultado desfavorable desde facía máis de dous meses. Ao someter o condutor ás probas de alcoholemia, deu 0,42 e 0,37 mg/l. O vehículo foi inmobilizado e retirado pola guindastre municipal ao depósito, acumulando tres denuncias simultáneas.

Na Rúa Río Narla, unha patrulla interceptou un condutor de ciclomotor que ao parecer carecía da autorización administrativa para conducir, iniciándose as dilixencias correspondentes para a súa averiguación.

Noticias relacionadas