A Xunta de Goberno Local impulsa medidas para reforzar o persoal municipal e políticas de prevención

Venres, 29 de maio de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Xunta de Goberno Local impulsa medidas para reforzar o persoal municipal e políticas de prevención

A Xunta de Goberno Local extraordinaria e urxente celebrada este venres deu luz verde a diferentes asuntos vinculados ao reforzo dos servizos municipais, á cobertura de persoal e ao impulso de programas sociais e de prevención.

No ámbito de persoal, aprobáronse as bases específicas para o acceso en propiedade de 17 prazas de bombeiro/a condutor pertencentes ao cadro de persoal funcionario do Concello de Lugo. Trátase de prazas correspondentes ás ofertas de emprego público dos anos 2023, 2024 e 2025, cuxa tramitación resulta prioritaria para evitar a súa caducidade e garantir a incorporación de novos efectivos a un servizo esencial para a cidade.

Tamén se aprobaron as bases específicas para o acceso en propiedade de 4 prazas de Policía Local en quenda de mobilidade, incluídas na Oferta de Emprego Público de 2025. Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou a Oferta de Emprego Público sectorial da Policía Local para o ano 2026, continuando coa planificación necesaria para reforzar os efectivos deste servizo.

O goberno local lembra que a falta de persoal afecta actualmente a diferentes departamentos municipais, polo que considera prioritario impulsar as convocatorias pendentes e avanzar na cobertura das vacantes existentes. Neste senso, destaca o traballo realizado nas últimas semanas para acelerar expedientes que non podían seguir acumulando demora e evitar que convocatorias incluídas nas ofertas de emprego público perdesen a súa vixencia por falta de tramitación.

Na sesión acordouse igualmente a designación dos membros do comité de selección do persoal do Obradoiro Dual de Emprego “Officium Curantis”, así como a determinación da data de realización das probas selectivas, dando continuidade á tramitación deste programa de formación e emprego.

No ámbito social e de saúde pública, aprobouse tamén o Plan Municipal de Adiccións 2026-2030, un documento estratéxico que servirá de guía para as políticas municipais de prevención, sensibilización e intervención fronte ás adiccións durante os próximos anos. O anterior plan perdera a súa vixencia a finais de 2025, polo que a súa actualización era necesaria para garantir a continuidade das actuacións municipais neste ámbito.

Desde o goberno local destacan que estes acordos permiten avanzar no reforzo dos servizos públicos, impulsar a cobertura de prazas pendentes e actualizar ferramentas de planificación necesarias para responder ás necesidades actuais da cidade.

Noticias relacionadas