O Executivo de Lara Méndez adxudica esta semana a explotación de dous quioscos, equipados con aseo, na Praza Maior e Santo Domingo

 A licitación, reservada a centros especiais de emprego de iniciativa social, se outorgará a Kioscos de Galicia por un prazo de doce anos e cun canon anual de 1.368 euros.

A alcaldesa apuntaba hoxe que a apertura ao público das instalacións, que disporán de baños gratuítos e accesibles, podería producirse antes do verán.

A rexedora aplaudiu o reinicio dunha actividade “coa que o Concello dá resposta a unha demanda social e que prestará un servizo de gran utilidade pública”.

Martes, 14 de marzo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Lara Méndez adxudica esta semana a explotación de dous quioscos, equipados con aseo, na Praza Maior e Santo Domingo

O Executivo de Lara Méndez adxudicará esta semana en Xunta de Goberno Local, a explotación dos quioscos da Praza Maior e Santo Domingo, coa vontade de que ámbolos dous poidan estar operativos antes do verán.

A licitación, que estivo reservada a centros especiais de emprego e iniciativa social, será outorgada a Kioscos de Galicia por un prazo de doce anos e cun canon anual de 1.368 euros cada un.

A alcaldesa sinalou que “se pretende así restablecer unha actividade moi demandada e de gran utilidade pública, xa que alén da vertente comercial que desempeñan, as instalacións disporán tamén de aseos gratuítos e totalmente accesibles”.

Méndez fixo fincapé igualmente en que “a súa apertura nos permite avanzar na integración laboral de colectivos vulnerables e fomentar non só o emprego senón tamén unha inclusión social efectiva como xa estamos a facer dende outras áreas e a través doutras prestacións ou iniciativas como son o Plan de Embelecemento Urbano ou o programa Muramiñae Rehabilita”.

Pola súa parte, a tenenta de alcaldesa e concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos lembrou que a concesión se rexerá a través da Ordenanza (número 154) que regula as taxas pola utilización privativa da vía pública con este tipo de instalacións.

“Os quioscos poderán funcionar todos os días do ano, como mínimo dende 08:30 a 20:30 horas, agás o 24 e 25 de decembro e o 1 de xaneiro que poderán permanecer pechados, polo que estamos seguros que o seu funcionamento será un reclamo máis que axude a dinamizar a cidade”.

A edil lembrou, así mesmo, que as casetas serán dunha tipoloxía e medidas similares ao modelo que había anteriormente para adaptarse á normativa vixente no Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI).

“Irán aloxadas nos seus emprazamentos anteriores por considerarse estes como os máis axeitados, tanto polo arraigo que tiña o servizo nestes puntos como pola súa utilidade – ao ser dúas localizacións céntricas e con moita afluencia – e pola súa conveniencia, xa que así non resulta necesario executar obra nova para a súa conexión ás redes de subministración enerxética e de distribución e saneamento de augas”, referiu Alvarellos Fondo.

A concelleira responsable da área económica do Concello aclarou tamén que tanto o enganche como o consumo de electricidade correrá a cargo do beneficiario da autorización que terá, entre as súas obrigas, que facer fronte á conservación do dominio público outorgado en condicións de aseo, seguridade, salubridade e ornato público correspondéndolle, alén, manter os baños ou latrinas en correctas condicións de hixiene e limpeza.

Audio

  • A concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, sobre a adxudicación dos Quioscos| Descargar mp3

Noticias relacionadas