O Conselleiro de Medio Ambiente avánzalle ao Alcalde de Lugo que o Auditorio será licitado antes do verán

Martes, 09 de marzo de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, mantiveron hoxe unha xuntanza de traballo na que trataron temas de interese para a cidade de Lugo. Así, o Conselleiro avanzoulle ao Alcalde que o Auditorio será licitado antes do verán. A infraestrutura estará ubicada na zona de Magoi.

Así mesmo, o Conselleiro porá en contacto ao Alcalde cos arquitectos que desenvolverán o proxecto do Auditorio para que coñeza de primeira man “cómo vai a obra”.

Ambos os mandatarios, o local e o autonómico, mantiveron unha xuntanza de traballo cordial na que aproveitaron para tratar outros temas como o PXOM, o Plan Paradi ou o saneamento rural.

Así, en relación co saneamento do rural, José López Orozco comprometeuse a enviarlle ao Conselleiro o importe dos proxectos que se están acometendo na zona rural para poder establecer un convenio de colaboración co departamento que dirixe Hernández, no que se fixaría unha achega do 70% da administración galega e un 30% da local.

Os proxectos que o Goberno local remitirá á Xunta son:
- Bocamaos-Meilán
- Orbazai
- Adai e
- Gondar

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, comprometeuse a impulsar o saneamento rural cun investimento que oscilará entre o 1 e 1,5 millóns de euros. Estes recursos serían aportados nun 70 por cento pola Xunta e o 30 por cento restante polo Concello de Lugo.

PXOM
En relación do Plan Xeral de Ordenación Municipal, o Alcalde de Lugo anuncioulle ao Conselleiro que o documento estará na Xunta antes de final de mes para que poida ser aprobado o antes posible.

Hernández destacou as reunións a nivel técnico que se están a manter entre representantes de ambas administracións, para que o plan tamén estea aprobado antes do verán.

Neste sentido, o Conselleiro tamén explicou a súa pretensión de licitar a Ponte do Plan Paradai e a Rúa Serra de Meira “o antes posible” tal e como recollen os orzamentos autonómicos.

Por último, López Orozco expuxo a súa intención de participar na orde de subvencións da Consellería, para a modificación ao PEPRI.

Multimedia

Noticias relacionadas