Miguel Fernández e Daniel Piñeiro anunciaron que mañá a Xunta de Goberno aprobará definitivamente o proxecto de expropiación de 5.424,58m2 de terreos situados nas marxes da Ronda do Carme, por valor de 4 millóns de euros
A finais de xullo, Piñeiro manterá unha reunión cos veciños afectados para indicarlles a documentación que deben achegar e facer efectivo o pago
- Tema

O voceiro municipal, Miguel Fernández, acompañado polo Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, anunciou este martes que a Xunta de Goberno de mañá aprobará definitivamente o proxecto de expropiación de máis dunha decena de terreos situados nas marxes da Ronda do Carme, afectados por unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, “que deu a razón aos propietarios altamente perxudicados pola disparatada calificación urbanística do PXOM de 1990, aprobado para beneficio da especulación urbanística e a nula dotación para a cidadanía”, segundo indicou Piñeiro. Así mesmo, na sesión de mañá desestimaranse as alegacións presentadas, un total de 15, en bases a informes de enxeñería e urbanismo e de Evislusa.
En aplicación desta sentenza, as súas propiedades pasan a ser solo urbano – e non urbanizable programado- e o Concello ten a obriga de obter os terreos necesarios para abrir vías e dispor de espazos para zonas verdes. Por ese motivo, era necesaria a expropiación de 5.424,58m2 de superficie, cunha avaliación que ascende a preto de 4 millóns de euros, concretamente, 3.943.477,90 euros, tal e como deu a coñecer Fernández.
“Isto non é máis que devolverlle uns dereitos a uns veciños da zona do Carme”, asegurou Piñeiro, ao tempo que lembrou que se trata de “4 millóns que pagaremos todos e cada un dos 98.134 lucenses, en consecuencia do urbanismo feito a medida por outros gobernos”. En aplicación desta sentenza, o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal anunciou que a finais de mes manterá unha reunión cos veciños afectados para indicarlles a documentación que deben achegar para facer efectivo o pago canto antes, que se realizará previsiblemente ao longo do verán, destes 4 millóns de euros, “en relación ás expropiacións que os Tribunais nos dicen que outras corporacións o fixeron mal”.
“Aínda que se trata de decisións tomadas por outras corporacións, o Concello é responsable e este Goberno, despois dun ano, foi capaz de desbloquear un expediente iniciado hai anos, saldando unha débeda histórica”, aseverou o edil, quen avanzou que se traballa na resolución de expedientes abertos.
Audio
- Miguel Fernández, voceiro municipal | Descargar mp3