O Concello saca a licitación as obras de mantemento e demolición dos anexos do Cuartel de San Fernando

A Xunta de Goberno aprobu hoxe a contratación destas tarefas, que teñen un prazo de execución de 14 semanas, e que están encamiñadas a dar seguridade e garantir a conservación deste edificio, declarado Ben de Interese Cultural

Aprobadas as bases das axudas para a rehabilitación de 21 vivendas no centro histórico de Lugo

Mércores, 29 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello saca a licitación as obras de mantemento e demolición dos anexos do Cuartel de San Fernando

A Xunta de Goberno deste mércores aprobou a apertura do procedemento de contratación das obras de mantemento e demolición de anexos no cuartel de San Fernando de Lugo. Do mesmo xeito, aprobouse o proxecto técnico, realizado por Evislusa, e o prego de cláusulas administrativas que rexerán na licitación, que se fará por procedemento aberto. Así o deu a coñecer esta mañá en rolda de prensa o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen avanzou que as tarefas están encamiñadas a dar seguridade e garantir a conservación do edifico, declarado Ben de Interese Cultural en xullo de 2009. Os traballos, que pasan pola demolición e o movemento de terras, o techado e outras actuacións de construcción especializada, teñen un prazo de execución de 14 semanas e previsiblemente comezarán no mes de agosto.

“Con estas actuacións, asegurarase a estrutura do edificio, arranxarase a cuberta eliminando as filtracións de auga, tanto nesta estrutura como no propio edificio, dotaranse de canles baixantes e conectaranse á rede de saneamento, así como se derrubará e acondicionarán as caballerizas traseiras”, subliñou Fernández, ao tempo que lembrou que estas obras se enmarcan dentro dun convenio de colaboración asinado entre o Concello e a Consellería de Cultura, dotado con 180.000 euros, que financian ao 50% a administración local e autonómica.

O anuncio de licitación publicarase no Boletín Oficial da Provincia, así como no perfil do contratante do Concello, na páxina web www.lugo.gal. O prazo de presentación de proposicións será de 26 días naturais contados dende a publicación do anuncio no BOP.

Axudas á rehabilitación no casco histórico
Tal e como xa deu a coñecer no día de onte o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro, a sesión deste mércores da Xunta de Goberno aprobou as bases das subvencións da 14ª fase das axudas á rehabilitación do centro histórico de Lugo, que se poderán solicitar durante 20 días hábiles tras a súa publicación na Base Nacional de Datos de Subvencións, dependente do Ministerio de Facenda. Con estas novas axudas, rehabilitaranse un mínimo de 21 vivendas no casco histórico da cidade, actuacións que recibirán un máximo de 11.000 euros de axuda por vivenda e estarán principalmente dirixidas a corrixir patoloxías de orixe estrutural, humidades, filtracións e illamento térmico, así como favorecer a eficiencia enerxética e a accesibilidade.

Encomenda de xestión Lugo+Biodinámico
Na sesión deste mércores, entre outros asuntos, a Xunta de Goberno acordou encargar a Evislusa, dende este ano e ata o 30 de xuño de 2020, a encomenda de xestión de coordinación e impulso do proxecto Lugo+Biodinámico, grazas ao que desenvolverá nos vindeiros catro anos novidosas iniciativas en favor dun urbanismo sostible e dun mellor aproveitamento da riqueza forestal, a nivel económico e ambiental. Esta encomenda ten un orzamento de 21.500 euros.

Audio

  • Rolda de prensa do voceiro municipal, Miguel Fernández | Descargar mp3

Noticias relacionadas