O Concello reduce a débeda un 62% nun ano

Con 5,5 millóns de euros ao peche de 2016, o endebedamento municipal por habitante sitúase nos 56 euros

Segundo os últimos datos oficiais, Lugo é unha das sete grandes cidades de Galicia con menos débeda, moi por debaixo de Santiago, A Coruña, Ferrol e Ourense

Mércores, 17 de maio de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Liquidación do Orzamento do 2016, que será abordada polos membros da Corporación municipal na Comisión de Contas deste venres e no Pleno do vindeiro 25 de maio, ratifica que o Concello conta cunha “situación económica estable e solvente”, subliñou a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, quen destacou que, segundo o devandito documento contable, o Concello pechou o pasado exercicio con 5,5 millóns de euros de débeda financeira, tras reducila nun 62% (case 9 millóns de euros). Deste xeito, o endebedamento municipal por habitante sitúase a día de hoxe en 56 euros.

Segundo os últimos datos oficiais, publicados na web do Ministerio de Facenda e correspondentes ao peche de 2015, Lugo é, xunto con Vigo e Pontevedra, unha das sete grandes cidades de Galicia con menos débeda viva, tanto en termos absolutos como por habitante, moi por debaixo de Santiago, A Coruña, Ferrol e Ourense.

Reinvestimento do superávit
A Concelleira de Economía aproveitou para reivindicar, en consonancia co que vén demandando a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para todos os municipios do país, a modificación da lexislación para que o Concello poida reinvestir o superávit acadado no 2016, cambio co que a entidade local estaría en disposición de destinar 4 millóns de euros máis a investimentos neste 2017. “É unha reivindicación que por xustiza fai todo o municipalismo, sen distinción de cores políticas, e que, por suposto, secundamos dende o Goberno de Lugo. De chegar a aplicarse, sería unha boa moi boa noticia porque nos permitiría aumentar investimentos na dotación e mellora de servizos e infraestruturas, e con elo, a mellora da calidade de vida dos veciños e da cidade”, explicou a Concelleira.

“A medida imposta polo Goberno central de limitar o investimento do superávit á amortización da débeda ou a investimentos financeiramente sostibles supuxo impoñer unha liberdade vixiada aos concellos, coartando a nosa capacidade de xestión e a propia autonomía local, o que, en definitiva, prexudica á cidadanía. E fíxoo ademais a pesar de que as administracións locais somos as que presentamos un mellor comportamento económico (en canto a débeda, teito de gasto, superávit…), pero tamén con táboa rasa, sen ter en conta a situación particular de cada concello. Isto fai que un Concello como o de Lugo, solvente, saneado e estable, con só 5,5 millóns de euros de débeda, se penalice e se lle limite a capacidade de investir, cando ten diñeiro para facelo”, asegurou Ana Prieto.

A edil considera tamén necesario que o investimento dos remanentes non compute na Regra de Gasto, que na Liquidación do 2016 incumprimos porque, “unha vez finalizado o plan Urban de fondos europeos, aumentamos os investimos con recursos propios utilizando para elo aforros, co fin de, entre outras cuestións, pagar as expropiacións da Ronda do Carme, máis de 4 millóns de euros, unha débeda histórica que conseguimos saldar despois de 22 anos”, explicou a Concelleira. Esta aplicación de aforros, de remanentes, e o conseguinte incumprimento da Regra de Gasto no exercicio do 2016 “non supón ningún desaxuste, nin afecta á liquidez, solvencia e saneamento do Concello, que goza dunha moi boa saúde económico financeira”, subliñou a edil.

Noticias relacionadas