O Concello reaxustará o tráfico en varios barrios para facilitar a fluidez e a seguridade na circulación

Luns, 12 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Outra das accións será o repintado de varias vías contemplado no Plan de Sinalización Horizontal 2007.

O Concelleiro de Protección da Comunidade, José Ángel González Corredoira, presentou esta mañá un novo plan de reordeación do tráfico deseñado para facilitar a fluidez da circulación e, sobre todo, favorecer a seguridade viaria tanto para peóns como para condutores.

As reformas levaranse a cabo nas seguintes zonas de Lugo: na Praza de Augas Férreas, na Piringalla e en varias rúas da cidade como son a travesía de San Eufrasio, na Rúa do Franco e na Rúa Concello.

Praza de Augas Férreas

As reformas do tráfico na Praza de Augas Férreas están consensuadas cos veciños pois, tras ser detectado un punto negro na zona, mantivéronse unha serie de reunións para coñecer de primeira man as demandas e deseñar un plan de actuación acorde coas necesidades.

O Concelleiro destacou que unha das medidas principais aposta pola unificación dos sentidos en varias rúas, pois “esta é unha forma de fomentar a seguridade nunha zona que ten tantos cruces ao facilitar aos condutores as incorporacións e aos peóns atravesar a rúa sen ter que miar a ambos lados”.

Outra das accións contempladas en materia de seguridade é o reforzamento dos pasos de peóns coa instalación de nova sinalización vertical e dun innovador sistema de desaceleración previa. Este mecanismo, que se está a instalar no cruce da rúa Cánovas del Castillo coa Praza de Augas Férreas, consiste na colocación de bandas lonxitudinais de termocaucho que serven para previr da proximidade dun paso de peóns ou dun cruce. Estas bandas son menos agresivas que as tradicionais e xa se están aplicando en países nórdicos con grande éxito. O edil sinalou que servirá de experimento e, unha vez que se comprobe a súa eficacia, instalarase noutras zonas da cidade.

Nos cruces máis conflitivos cambiarase a regulación de ceda o paso pola de parada obrigatoria para reforzar a seguridade e loitar contra as incorporacións irresponsables. Aplicarase a nova reordeación nas seguintes rúas: Praza de Augas Férreas, Cánovas del Castillo, Rafael Dieste, Cantigas e Frores, Camilo José Cela, Círculo das Artes e Antonio Rosón -na se establece os sentido único con dobre carril-. En ningunha delas os espazos para aparcadoiro sofren modificación.

Outras rúas

Outra das rúas que se contemplan neste reaxuste é a Travesía de San Eufrasio, que quedará de único sentido en dirección baixada cara o río Rato, aínda que os residentes poderán subir para facilitarlles o acceso as súas vivendas.

A rúa Concello tamén será modificada dacordo ás necesidades dos veciños, que demandaron máis prazas para o estacionamento. Esta vía pasará a ter un sentido único no treito comprendido desde a rúa Serra Gañidoira ata Serra de Outes e contará con dobre liña para aparcar.

Tamén están previstas modificacións na Rúa do Franco, que pasará a ser de sentido único, na parte que transcorre entre a rúa Cedro e Illas Canarias. Este cambio obriga a modificar a Rúa Álamo, na que o tráfico discurrirá en dirección Illas Canarias-Rúa Franco, para garantizar ós veciños varias saídas.

A Piringalla

O Concelleiro adiantou que na zona da Piringalla levarase a cabo a segunda fase da reordeación deste barrio cando rematen as obras da rotonda da Medusa. Os cambios previstos foron acordados coas asociacións veciñais Medusa e Ánxel Fole. As modificacións principais consistirán na unificación do sentido do tráfico en rúas que na actualidade soportan o tráfico de dobre sentido. As vías que se reaxustarán son: Margarida, Magnolia, Madresilva, Alcalde Portela, Reiseñor e Flor de Malva, pero as direccións definitivas serán decididas unha vez rematada a nova rotonda.

Sinalización horizontal 07

O edil explicou que este plan contempla o repintado de 43 rúas da cidade e conta cun orzamento de 164.916 euros.

Noticias relacionadas