O Concello organiza actividades culturais no cemiterio municipal para conmemorar o Día de Defuntos

Rosana Rielo presentou as actividades en torno ao camposanto, que acolle o mellor monumento funerario de España

Luns, 17 de outubro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello organiza actividades culturais no cemiterio municipal para conmemorar o Día de Defuntos

A Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, presentou este luns no Salón de Plenos as actividades que ten programadas a entidade local de cara a conmemorar o Día dos Defuntos. Trátase do IV Concurso de Fotografía Estampas de Paz e Acougo, actuacións musicais, unha ofrenda, unha visita guiada, cine e teatro.

Baixo o lema Estampas de paz e acougo, a cuarta edición do concurso de fotografía busca valorar os aspectos monumentais, paisaxísticos e singulares, simboloxía funeraria e valor patrimonial, así como a captación da sensación de paz e harmonía que impregnan os recintos dos cemiterios. Este ano, por primeira vez, a temática transcende ao recinto do cemiterio municipal. O prazo para presentar traballos, xa aberto, rematará o 4 de novembro. Como en anos anteriores establécense tres premios, de 250, 150 e 75 euros.

Para o día 1, o Concello ten programadas no cemiterio municipal interpretacións musicais do grupo Stranniki en xornada de mañá e de tarde, e para o día 2, a tradicional ofrenda floral que a Corporación fai aos defuntos, así como unha visita guiada nocturna, ás 19:00 horas. Para esta, cómpre reservar praza tanto no teléfono de atención cidadá 010, como na oficina do cemiterio.

O día 8 de novembro, a partir das 19:00 horas, no cemiterio municipal celebrarase o Concerto da Lembranza, cunha actuación da coral Lugh. Tamén se entregarán os premios do IV Concurso de Fotografía Estampas de Paz e Acougo. Para o día 9 de novembro, ás 20:00 horas, no MIHL está prevista a proxección da película O Ciclo vital. A entrada é gratuíta ata completar o aforo da sala.

As actividades rematarán o 23 de setembro, ás 21:00 horas, no recinto do cemiterio municipal coa lectura dramatizada de Don Juan Tenorio a cargo do Taller de arte dramática do Campus de Lugo da USC, o Taller de arte dramática Espazo 10 e os Palimoquiños.

Documentos

Noticias relacionadas