O Concello ofrece 40 oportunidades máis para coñecer o rural lugués e os municipios limítrofes co programa de andainas Terras de Auga e Cultura

Carmen Basadre presentou hoxe a programación, de caracter gratuíto, que se desenvolverá todos os domingos ata o 17 de decembro. As persoas interesadas poden inscribirse na Oficina Municipal de Turismo ata as 14:00 horas do día anterior á andaina

O Vello Cárcere converterase nunha sala de cinema acollendo a proxección de distintos filmes. Así mesmo, haberá visitas guiadas por este espazo cultural

Luns, 10 de abril de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello ofrece 40 oportunidades máis  para coñecer o rural lugués e os municipios limítrofes co programa de andainas Terras de Auga e Cultura

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou este luns a quinta edición do plan turístico Terras de Auga e Cultura, que nesta ocasión inclúe un total de 40 rutas pola zona rural de Lugo e municipios limítrofes. Trátase dunhas andainas que se desenvolverán todos os domingos ata o 17 de decembro, excepto o 2 e xullo e o 8 de outubro, por coincidir co Arde Lvcvs e o San Froilán, respectivamente, así como algún día festivo.   

Tal e como subliñou Basadre durante a presentación, as visitas, que van dende os 4 aos 17 quilómetros, serán de 5 temáticas distintas: xeoloxía, bioloxía, antropoloxía e etnografía, patrimonio histórico-artístico e arquitectura e deseño. Recorrerán o centro de Lugo e as parroquias de Adai, Bocamaos, Meilán, O Veral, Ombreiro, Orbazai, San Lázaro da Ponte, Romeán, San Xoán do Alto, O Burgo, Poutomillos, Prógalo, Bacurín, Santalla de Bóveda, San Pedro Mera, Coeses, Gondar, Bascuas, Carballido, Coeo, Nadela, Muxa e Teixeiro, así como os municipios limítrofes do Corgo, Rábade, Guntín, Palas e Friol.

Terras de  Auga e Cultura é o programa do Concello de visitas temáticas de promoción turística para dar a coñecer o patrimonio natural, arquitectónico e cultural que se conserva, principalmente, nas parroquias luguesas. Algunha destas andainas combina sendeireismo con actividades didácticas, e outras son completamente accesibles.

A Concelleira amosou a satisfacción que ano tras ano acadan estas andainas guiadas, máis de 1.200 persoas na última edición, sendo unha das alternativas do Concello máis demandadas, repetindo os participantes en moitas ocasións. Nesta liña incidiu Xoán Barro, xeológo e guía dalgunha destas andainas, quen tamén estivo presenta na presentación, onde subliñou o aumento que rexistraron as visitas, tanto de Lugo como de turistas, a pasada edición. Así mesmo, fixo fincapé en que o de Lugo é o único Concello galego que ofrece estas rutas ao longo de todo o ano.

Estas rutas turísticas, de carácter gratuíto, desenvolveranse de 10:30 a 19:00 horas, de abril a outubro,  e de 10:30 a 18:00 horas, nos meses de horario de inverno e teñen como punto de saída e de regreso a parada do bus urbano situada diante do Seminario Maior, na rúa Anxo López Pérez. Do mesmo xeito que nas anteriores edicións, os interesados poderán inscribirse na Oficina Municipal de Turismo, con prazo límite para inscribirse fixado ás 14:00 horas do día anterior á celebración da excursión. O número máximo de excursionistas será de 35 persoas. Algunha delas ten aforo limitado a 25.

Actividades no Vello Cárcere

O Vello Cárcere converterase nunha sala de cine acollendo unha programación especial que recolle unha escola de filmes que teñen en común a temática relixiosa, pero abordada desde moi diferentes puntos de vista e desde xéneros heteroxéneos. As proxeccións  son as seguintes: o martes e mércores, ás 18:00 horas, Os xoves milagre e Xesucristo Superstar; respectivamente; o xoves, venres, sábado, ás 19:00 horas, Ben-Hur, A última tentación de Cristo e Ágora, e o domingo, ás 18:00 horas, O evanxelio según San Mateo. Tamén o domingo, ás 12:30 horas, os máis cativos terán  a súa sección co filme A canción do mar. O Concello ten a vontade de continuar coa proxección de filmes, establecendo distintas temáticas ao longo de todo o ano.

Carmen Basadre tamén avanzou as visitas guiadas polo Vello Cárcere nas seguintes datas: en Semana Santa, os días 13, 14 e 15 de abril, de 11:30 a 13:30 horas, e de 18:30 a 20:30 horas; e o domingo, 16 de abril, de 11:30 a 13:30 horas, e de 18:15 a 20:15 horas. O resto do mes, as visitas será os xoves 20 e 27, de 18:30 a 20:30 horas, os domingos 23 e 30 de abril, de 11:30 a 13:30 horas, e de 18:15 a 20:15 horas; e os días 21, 22, 28 e 29 de abril, de 11:30 horas a 13:30 horas. As prazas son limitadas a 25-30 persoas, polo que hai que inscribirse previamente na recepción deste centro cultural, ou no teléfono 982-297-195.

Audio

  • Carme Basadre presentando "Terras de Auga e Cultura" | Descargar mp3

Documento

Noticias relacionadas