O Concello inicia a rescisión do contrato para renovar a traída de augas no Grupo La Paz ante os incumprimentos da adxudicataria

O Goberno local actuará con contundencia contra a empresa responsable pola demora das obras e os prexuízos que está a causar á veciñanza.

O contratista non só iniciou os traballos 3 meses máis tarde do previsto senón que tampouco fixo nada por acelerar a súa execución, desoíndo os requirimentos municipais.

Persoal técnico elabora xa un novo estudo de custos para cuantificar as tarefas pendentes co obxectivo de axilizar o máximo posible a nova licitación.

Con esta actuación, o Executivo de Lara Méndez pretende intervir en 187 acometidas de 10 rúas da urbanización para substituír as canalizacións de fibrocemento por outras máis resistentes e eficientes.

Mércores, 16 de novembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello inicia a rescisión do contrato para renovar a traída de augas no Grupo La Paz ante os incumprimentos da adxudicataria

O Concello de Lugo vén de iniciar o procedemento para rescindir o contrato á empresa adxudicataria das obras de renovación das redes de abastecemento e saneamento no Grupo La Paz, ante os continuados incumprimentos do mesmo.

Trala celebración da Xunta de Goberno, onde se autorizou a medida, o tenente de alcaldesa e portavoz municipal, Miguel Fernández, explicou que, segundo os informes que figuran no expediente, Proyecon Galicia S.A foi interpelada en numerosas ocasións pola Administración local para que corrixira diversas deficiencias que se observaban na execución dos traballos, sen que en ningún caso houbera actuado para emendalas.

“Xa para empezar, non iniciou a obra até agosto, tres meses despois de formalizar a acta de comprobación, cando ese prazo debería ser ao día seguinte da sinatura, que tivo lugar o 6 de maio. Isto condicionou xa, de forma permanente, os tempos da actuación, que sempre foron precarios e que nunca chegaron a reconducirse a pesar dos persistentes requirimentos que lle trasladaba a Dirección Facultativa. Lonxe de incrementar os equipos, o contratista non mellorou tampouco o ritmo da única brigada que destinou ao efecto, nin a calidade dos materiais empregados se axustaba ao especificado nos pregos, pese a advertirllo en varias ocasións”, sinalou o concelleiro de Medio Ambiente.

Así, Miguel Fernández cuantificou que, tres meses despois de iniciarse a intervención, a empresa só executou o 6’53% do importe total previsto, é dicir, 33.595 euros dos 514.110 € nos que foi adxudicado o proxecto.

“O plan de obra que nos presentaron en agosto dista moito da realidade das tarefas acometidas nos meses posteriores, acumulándose un importante atraso e observándose tamén fitos imposibles de acadar, sobre todo se temos en conta que xa transcorreu o 80% do tempo asignado para as mesmas – medio ano – e o rendemento dos traballos é notoriamente insuficiente”.

“Ante esta situación - só imputable a Proyecon Galicia - e o máis que previsible incumprimento do prazo de execución, o Concello vese na obriga de incoar o procedemento de resolución do contrato”, sentenciou Fernández ao tempo que anunciou que persoal técnico está a elaborar un novo estudo de custos que cuantifique as actuacións pendentes co obxectivo de iniciar, coa maior celeridade posible, un novo expediente diminuíndo así os prexuízos que teñen para a veciñanza da zona as demoras nas que incorreu a empresa que, pola súa parte, dispón agora de dez días para presentar as alegacións que estime oportunas.

O edil responsable de área lembrou que, en total, o Executivo de Lara Méndez pretende actuar sobre 187 acometidas desta urbanización, 62 delas pluviais, concentrando, fundamentalmente, os esforzos en dez rúas: Camelia, Acibro, Alecrín, Estrelamar, Padre Sarmiento, Santo Domingo de la Calzada, Carpaza, Ligustro, Pardo de Cela e Estralote.

“A intervención quere poñer fin ás avarías que teñen a súa orixe no feito de que as conducións sexan de fibrocemento, xa que esta substancia é moito máis sensible aos contrastes climatolóxicos e presenta, á súa vez, unha maior predisposición ás roturas e menor tolerancia ás variacións de fluxo da traída. Polo que, con ela queremos eliminar esta casuística e rematar, alén, cos trastornos que lle ocasiona á cidadanía”, sinalou o tenente de alcaldesa.

Miguel Fernández detallou, así mesmo, que a substitución das tubaxes actuais se fará por outras de función dúctil ao tempo que tamén se levará a cabo a renovación dos colectores de saneamento que verten á rúa Armórica e á Rolda de Fingoi que, pola súa antigüidade e polos materiais cos que foron construídos (formigón), presentan deficiencias no seu funcionamento. Ademais, previamente á posta en marcha das novas canalizacións, realizaráselles un lavado e desinfección para que poidan operar en condicións óptimas.

Audio

  • O edil de Medio Rural e Medio Ambiente, Miguel Fernández, sobre a rescisión do contrato ó Grupo La Paz | Descargar mp3

Noticias relacionadas