A obra está en marcha no entorno da Praza do Castiñeiro e da rúa Lamas de Prado para mellorar a capacidade da rede de saneamento.
A actuación permite reducir o impacto das choivas intensas e minimizar as afeccións en baixos e garaxes da zona.
“É unha intervención necesaria, ben planificada e que responde ao compromiso adquirido coa veciñanza deste barrio”, afirma o alcalde Miguel Fernández.

O Concello de Lugo está a executar unha actuación de mellora do sistema de drenaxe no barrio do Castiñeiro cun investimento de 94.470,22 euros, destinada a optimizar o funcionamento da rede de saneamento e a xestionar de maneira máis eficiente as augas pluviais no entorno da Praza do Castiñeiro e da rúa Lamas de Prado.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, salientou que se trata dunha obra “importante desde o punto de vista técnico e tamén desde o punto de vista do compromiso político coa veciñanza”. “Estamos executando unha intervención moi concreta, pero moi necesaria, que responde a unha realidade que coñecemos ben e que había que abordar con seriedade e rigor”, explicou. Fernández destacou ademais que “este tipo de actuacións, que moitas veces non se ven porque discorren baixo terra, son fundamentais para que os barrios funcionen mellor e para anticiparnos aos problemas que xeran as choivas intensas”. “Aquí había un compromiso claro, e este goberno municipal está a cumprilo con feitos”, engadiu.
O proxecto técnico que se está a desenvolver aborda de maneira integral o comportamento hidráulico desta zona do barrio do Castiñeiro, onde durante episodios de choiva intensa se produce unha concentración de caudais procedentes de varias rúas que conflúen neste punto baixo. Para dar resposta a esta situación, estanse a executar novos colectores de maior diámetro e un bypass de alivio que permite redistribuír os fluxos de auga e reducir a presión sobre a rede existente.
A actuación inclúe tamén a substitución e reorganización de varios pozos de saneamento, a mellora das conexións entre colectores e a instalación de novos sumidoiros que permiten captar de maneira máis eficaz as augas pluviais en superficie. Ademais, estanse a habilitar conexións alternativas cara a outras rúas próximas, co obxectivo de repartir os caudais e evitar que todo o fluxo se concentre nun único punto, como viña ocorrendo anteriormente.
Estas melloras permitirán reducir de forma significativa o risco de reboses, minimizar a presenza de auga en calzada e beirarrúas durante episodios de choiva intensa e diminuír as afeccións puntuais en baixos e garaxes, reforzando así a seguridade peonil e a protección dos inmobles da zona.
As obras execútanse integramente en viario público, sen necesidade de expropiacións, e contan cun prazo estimado de execución de dous meses. Con esta intervención xa en marcha, o Concello de Lugo continúa avanzando na mellora das infraestruturas urbanas mediante actuacións planificadas, técnicas e eficaces, que materializan o compromiso do goberno municipal coa veciñanza e co correcto funcionamento da cidade.
Audio
- Miguel Fernández, sobre a actuación estratéxica de drenaxe | Descargar mp3




