O Concello impulsa un encontro de 50 mozos de España, Portugal e Italia para idear fórmulas contra o desemprego xuvenil

A través do proxecto de emprendemento social e xuvenil YOUNG LAB, financiado no marco do programa europeo Erasmus+, o Concello creará un espazo de diálogo permanente para atopar solucións compartidas a temas de interese local

A iniciativa está dirixida a mozos e mozas de entre 16 e 30 anos, residentes nalgúns destes países e cun nivel alto de inglés

Venres, 17 de xullo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo, xunto ao Município portugués de Tábua e a organización Rete Educare ai Dirittti Umani de Italia, beneficiarios do proxecto de emprendemento social e xuvenil YOUNG LAB, que financia o programa europeo Erasmus+, impulsan unha iniciativa conxunta a través da que 50 mozos de España, Portugal e Italia idearán fórmulas que lle propoñerán ás administracións para loitar contra o desemprego xuvenil. Trátase de fomentar a participación activa dos mozos na construcción democrática a nivel local, promovendo a súa consciencia cidadá.

“O Concello, que leva anos interesado na súa participación en proxectos europeos relacionados coa educación, a xuventude, o emprego e a formación, participa nesta convocatoria posto que se en enmarca dentro da nosa preocupación polo desemprego xuvenil do municipio, que no pasado mes de xuño achegábase aos 400 desempregados”, subliñou Ana Prieto, concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, a encargada de sacar adiante o programa, en colaboración coa área de Xuventude.

A través do YOUNG LAB, o Concello quere crear une espazo de encontro, de diálogo e de participación que perdure no tempo e que permita atopar solucións compartidas a temas de interese local.

O proxecto, dirixido a mozos e mozas de entre 16 e 30 anos residentes nalgúns dos países participantes no programa, que teñan ademais un nivel alto de inglés, contará coa participación de 50 mozos e 20 responsables ou expertos no ámbito da mocidade. Serán 20 os rapaces e rapazas españolas e 10 expertos e 15 mozos e 5 responsables os procedentes de italia e Portugal, respectivamente.

A iniciativa, que terá en conta a igualdade de xénero, dividirase en tres fases principais. A primeira delas será un laboratorio de ideas sobre o emprego, onde os 50 mozos de España, Portugal e Italia viaxarán a Lugo, Coímbra e Florencia para asistir a encontros que versarán sobre xuventude e emprego.

A segunda delas será un debate para unha recomendación común sobre o emprego xuvenil e a terceira, a elaboración dun documento final que idee fórmulas e recomendacións para combater o desemprego xuvenil, para que empreguen as institucións e organizacións participantes.

Máis información no Centro de Empresas e Innovación ou no 982-29-74-68. 

Noticias relacionadas