O Concello destina 70.000 euros ao subministro de rego asfáltico para a mellora de pistas nas 54 parroquias

As actuacións “responden ás peticións veciñais e enmárcanse na decidida aposta do Goberno polo rural, para fixar poboación e mellorar a calidade de vida e os servizos dos seus veciños”, subliñou o voceiro municipal

Mércores, 02 de decembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Miguel Fernández, voceiro municipal

A Xunta de Goberno acordou este mércores iniciar o proceso de contratación da subministración de rego asfáltico para o mantemento de toda a rede de camiños municipais na 54 parroquias lucenses, un contrato ao que o Concello destina 70.000 euros. Así o avanzou o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen lembrou que “a brigada da zona rural do Concello efectúa traballos de mantemento e conservación das pistas de titularidade municipal, sendo necesario en numerosas ocasións executar tratamentos superficiais con grava ou rego asfáltico, para o que é preciso dispor de emulsión bituminosa”. Deste xeito, a Xunta de Goberno aprobou o prego de prescricións técnicas e de cláusulas administrativas particulares, así como o gasto de 70.000 euros e a adxudicación por procedemento aberto.

O anuncio de licitación publicarase no Boletín Oficial da Provincia de Lugo e no perfil do contratante do Concello de Lugo. O prazo de presentación de proposicións será de 15 días naturais contados dende a publicación do anuncio de licitación no BOP.

“Estas actuacións responden ás peticións veciñais e enmárcanse na decidida aposta do Concello polo rural, para fixar poboación e mellorar a calidade de vida e os servizos dos seus veciños”, subliñou Fernández.

Reclamacións e suxestións

O voceiro adiantou que na Xunta de Goberno desta mañá deuse conta da listaxe de reclamacións e suxestións presentadas no Concello de Lugo dende o derradeiro informe, do día 13 de outubro de 2015. “Neste período recibíronse 10 reclamacións e 3 suxestións”, asegurou o voceiro. As reclamacións responden ás dependencias de Topografía, Enxeñaría, Brigada de Augas (2), Facenda Local, Cultura, Parques e Xardíns, Tarxeta Cidadá (2) e Policía Local. As suxestións responden a Enxeñaría e Transportes (2). Das 10 reclamacións, 6 están resoltas e 4 pendentes (unha fóra de prazo). Das 3 suxestións, están todas pendentes e en prazo.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre o mantemento de toda a rede de camiños municipais |Descargar mp3

Noticias relacionadas