As actuacións, impulsadas pola área de Cohesión Territorial e executadas co apoio do Plan Deputación 2025, permitiron renovar o firme e mellorar a drenaxe en máis de 1,3 km de vías municipais.
Os traballos incluíron regularización do firme, acondicionamento de cunetas e melloras complementarias para garantir unha maior durabilidade.
“Estas melloras reforzan a seguridade e a comodidade da veciñanza no seu día a día”, sinalou o alcalde, Miguel Fernández.

O Concello de Lugo, a través da área de Cohesión Territorial, completou as obras de mellora en tres vías rurais das parroquias de Calde, Tirimol e Vilachá de Mera, cun investimento final de 83.894,14 euros, executadas co apoio do Plan Deputación 2025. As intervencións incluíron a renovación integral do firme, corrección da drenaxe, limpeza de cunetas e traballos complementarios dirixidos a garantir a seguridade e o bo estado da rede viaria municipal.
O alcalde, Miguel Fernández, visitou hoxe estas intervencións xa rematadas, acompañando aos veciños para comprobar o resultado das obras. “Falamos de accesos que a xente utiliza todos os días e que agora presentan unhas condicións moito mellores, máis seguras e máis cómodas. Ese é o sentido destes investimentos: mellorar a vida da veciñanza”, afirmou.
O proxecto incluíu a pavimentación do camiño de A Brea (Tirimol), con actuación sobre 315 metros mediante base de grava e triple rego asfáltico, ademais da limpeza e perfilado de cunetas. En Vilachá de Mera, melloráronse 745 metros no acceso a Liñár e no seu ramal, aplicando mestura bituminosa en quente AC16 tras regularizar a plataforma. En Calde, na contorna do centro social, actuouse sobre 310 metros con novo firme, melloras de drenaxe e limpeza integral da vía.
Durante a visita, Fernández mantivo conversas cos residentes das parroquias, recibindo tamén novas propostas e necesidades. “Estar presentes no territorio é esencial. Non só vimos comprobar que as obras están ben feitas; tamén vimos escoitar o que queda por mellorar. Cada parroquia e cada veciño importan, e así entendemos a maneira de gobernar”, engadiu.
O alcalde concluíu lembrando que “o rural merece exactamente as mesmas condicións e servizos que o resto da cidade. O noso compromiso é claro: manter as vías en bo estado, mellorar a mobilidade e garantir que vivir no rural sexa unha opción cómoda, segura e con oportunidades”.




