O Concello destina 48.500 euros a adquirir un equipo de bacheo e dous vehículos para a Policía Local

A Xunta de Goberno acordou este mércores iniciar o proceso de contratación da subministración por lotes e mediante alugamento financeiro destes vehículos. O anuncio publicarase no BOP e no perfil do contratante do Concello

Na sesión tamén se adxudicou o procedemento aberto convocado para a contratación dun plan de control de pombas á mercantil Agronerga S.L. por un importe de 10.500 euros a primeira anualidade e unha duración de 4 anos

Mércores, 25 de novembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno acordou este mércores iniciar o proceso de contratación da subministración por lotes e mediante alugamento financeiro (leasing) dun equipo de bacheo (camión con cisterna de emulsión asfáltica e caixa basculante) –Lote 1-, un vehículo radio patrulla (5+2 prazas) para a Policía Local –Lote 2- e un vehículo radio patrulla de 5 prazas, tamén para a Policía Local –Lote 3-. Así o avanzou o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen adiantou que se aprobou o prego de cláusulas administrativas particulares e memorias técnicas reguladoras das características mínimas que deben cumprir os vehículos, así como o gasto de 48.573,38 euros e a adxudicación por procedemento aberto. O anuncio de licitación publicarase no Boletín Oficial da Provincia de Lugo e no perfil do contratante do Concello de Lugo.

Plan de control de pombas

Na sesión ordinaria deste mércores adxudicose o procedemento aberto convocado para a contratación dun plan de control de pombas na cidade de Lugo á mercantil Agronerga, S.L. por un importe de 10.514,90 euros a primeira anualidade e unha duración de 4 anos. Fernández explicou que o obxecto deste servizo será reducir a poboación de pombas asentada na cidade, que se estima que poden oscilar entre os 750 e 900, ata uns mínimos aceptables para minimizar as molestias e danos que estas causan ao mobiliario urbano, edificacións e aos cidadáns. “Para elo deberanse levar a cabo labores de control durante todo o ano dun modo continuo”, asegurou Fernández.

Bonificacións Parque Empresarial As Gándaras

A Xunta de Goberno aprobou bonificacións a 5 novas naves instaladas no Polígono Industrial das Gándaras, 3 delas sen uso definido, unha para almacenaxe e distribución de produtos de alimentación e bebidas, e outra destinada a tanatorio. Estas bonificacións supoñen unha rebaixa do 50% no imposto sobre construcións, instalacións e obras.

Axudas material escolar

Miguel Fernández informou así mesmo de que na Xunta de Goberno desta mañá acordouse proceder á rectificación de datos da autorización do gasto e concesión de subvencións ás familias con escasos recursos destinados á adquisición de material educativo para o segundo ciclo de educación infantil, correspondente ao curso 2015-2016, para as que o Concello destinou 36.500 euros. A rectificación dos datos pasa por subsanar erros adminsitrativos, tal e como deu a coñecer o voceiro.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre o tratado na Xunta de Goberno |Descargar mp3

Noticias relacionadas