O Concello de Lugo pospón ata despois do 24-M as votacións das propostas cidadáns que se executarán cos Orzamentos Participativos para non interferir na campaña electoral

O Goberno local decidiu adiar as votacións logo de consultar coa Xunta Electoral que informou da imposibilidade legal de darlle publicidade agora ás propostas

O Concello considera imprescindible dar publicidade ás propostas antes de sometelas a votación para que a cidadanía opine contando con toda a información

Martes, 12 de maio de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Desenvolvemento Local, que dirixe Rosana Rielo, comunica o aprazamento, ata despois das eleccións municipais, da segunda fase do proxecto de Orzamentos Participativos.

A decisión de adiar as votacións das propostas cidadáns para elixir os investimentos que realizará o Concello dentro do proxecto Lugo Opina Orzamentos Participativos tomouse para que sexa posible levar a cabo a difusión, coa suficiente publicidade, das propostas que se someterán a votación da cidadanía.

Unha vez que rematou a avaliación por parte dos técnicos municipais de todas as propostas formuladas para determinar a súa viabilidade, o Concello considera imprescindible para o correcto desenvolvemento do proxecto Lugo Opina Orzamentos Participativos que a segunda fase teña a debida difusión, tanto nos medios de comunicación como nas páxinas web municipal e do propio proxecto, para que os lucenses poidan elexir e votar con coñecemento de causa.

Por este motivo e dada a proximidade das eleccións municipais do 24 de maio, o Goberno local, que sempre actúa co máximo respecto á legalidade, tomou a iniciativa de efectuar unha consulta á Xunta Electoral de Zona co obxecto de evitar que a posta en marcha da segunda fase dos Orzamentos Participativos puidera supoñer calquera interferencia no período electoral.

O Concello efectuou esta consulta que acompañou co texto dun borrador de decreto referido á execución da segunda fase de Lugo Opina Orzamentos Participativos, e na súa resposta a Xunta Electoral di que “se entiende que la aprobación de las actuaciones recogidas en dicho borrador en campaña electoral (con la publicidad recogida en los puntos 5º y 6º del mismo) podría suponer una infracción de lo prevenido por el artículo 50 de la LOREG”, e engade que “no procederá seguir adelante con dicho proyecto hasta que finalice el período electoral, puesto que nada impide que se verifiquen dichas actuaciones una vez pasado el día 24 de mayo de 2015”.

Por este motivo, o Goberno local pospón o desenvolvemento do proceso de exposición pública e votación das distintas propostas que os veciños e veciñas de Lugo decidirán levar a cabo dentro do proxecto de Orzamentos Participativos.

Noticias relacionadas