O Concello de Lugo porá en marcha cursos de monitores de tempo libre e de linguaxe de signos para a mocidade lucense

Luns, 26 de xaneiro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Xuventude, que dirixe Rosana Rielo, impartirá dous cursos formativos destinados á mocidade lucense e que nos últimos anos contaron cunha gran demanda: o curso de monitores de tempo libre e de linguaxe de signos. A xunta de compras do Concello de Lugo aprobou o investimento de 11.181 euros para a realización destas actividades.

- Curso de monitores.- Esta actividade, destinada a persoas de entre 18 e 30 anos, conta cun total de 200 horas teóricas e 150 prácticas que se realizarán nas actividades organizadas pola Concellería. O número de prazas será de 25 no curso que se impartirá durante a semana e outras 25 para a fin de semana. O curso terá un custe de 180 euros por persoa dos que 130 serán aportados polo Concello e 50 deberán ser aboados polos participantes.

Os cursos terán lugar de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas os sábados e os domingos e de 16:30 a 20:30 horas de luns a xoves.

- Cursos de linguaxe de signos.- Por quinto ano consecutivo celébrase este curso que terá dous niveis diferentes: un de iniciación e outro de nivel intermedio, ambolos dous de 150 horas de duración. Ofértanse 15 prazas para cada un deles e terán un custo de 164 euros por persoa, dos que 134 euros serán aboados polo Concello e só 30 polos asistentes.

O curso de iniciación celebrarase de 18:00 a 21:00 horas, martes, mércores e xoves dende o 17 de febreiro ata o 23 de xuño, mentres que o nivel intermedio terá lugar do 1 de setembro ata o 29 de decembro os mesmos días da semana.

Os interesados en asisitir a este curso poden recibir máis información e inscribirse na Oficina de Información Xuvenil do Concello de Lugo sita no terceiro andar do Centro Social Uxío Novoneyra.

Outros acordos da Xunta de Compras
Por outra banda, a Xunta de Compras do Concello de Lugo aprobou tamén a reparación do tellado dunha nave situada nunha parcela municipal do Ceao, por un importe de 19.834 euros, e que será utilizada polos servizos eléctricos da Concellería de Zona Rural. 

Ademais, como cada ano por estas fechas, o Concello de Lugo, a través da súa Concellería de Medio Ambiente, realizará a plantación de sementes en distintas zonas verdes da cidade xa que é o mellor momento para facelo. Por iso, se aprobou a adquisición de sementes, abonos e productos fitosanitarios por un importe de 2.000 euros.

Noticias relacionadas