O Concello de Lugo organiza unha serie de actividades para o Día Mundial sen tabaco

Venres, 29 de maio de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Servizo Municipal de Prevención das Drogodependencias do Concello de Lugo organizou para o vindeiro domingo 31 de maio, unha serie de actividades co motivo da celebración do Día Mundial sen Tabaco que terán lugar entre as 11:00 e 14:00 horas.

Catro monitores repartirán diante do Concello folletos informativos sobre o consumo tabaco, facilitando as informacións oportunas a todos aqueles que o soliciten. Ademais, haberá como en anos anteriores o troque de caxetillas de tabaco por agasallos.

Por outra banda realizaranse enquisas sobre o tabaco e os hábitos de consumo na poboación de Lugo, coa que se pretende obter información para poder levar a cabo iniciativas de prevención de consumo nos distintos eidos.

O departamento dependente da Concellería de Muller e Benestar Social, contará coa colaboración da Asociación Española contra o Cancro que facilitará DVD´s co título Es fácil dejar de fumar si sabes cómo, unha adaptación do libro do mesmo título de Allen Carr, o máis vendido no mundo para deixar de fumar.

Noticias relacionadas