O alcalde destaca en Viana do Castelo a capacidade de cooperación do Eixo Atlántico para avanzar no eido das infraestruturas para evitar as desigualdades territoriais

O rexedor, como presidente do organismo galaico-portugués, asistiu hoxe á presentación do informe socio económico en Portugal que sentará as liñas de actuación para o actual mandato.

Fernández advertiu de que as actuais políticas de investimento da Xunta están a consolidar “unha Galicia de dúas velocidades”, na que “o eixo da AP-9 segue acumulando recursos, proxectos e oportunidades mentres a Galicia interior queda atrás”.

Esta preocupación vese reforzada polos datos dos Orzamentos da Xunta para 2026, que asignan 5.507 millóns de euros á provincia da Coruña e 4.083 millóns a Pontevedra, fronte aos 1.867 millóns destinados a Lugo e 1.733 millóns a Ourense, evidenciando un claro desequilibrio territorial en termos de investimento global.

Xoves, 15 de xaneiro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O alcalde destaca en Viana do Castelo a capacidade de cooperación do Eixo Atlántico para avanzar no eido das infraestruturas para evitar as desigualdades territoriais

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, asistiu esta mañá en Viana do Castelo á presentación do informe socioeconómico do Eixo Atlántico antes os representantes de Portugal, nun acto que é ademais o primeiro como presidente deste organismo galego-portugués, desde a súa designación o pasado 13 de novembro. Durante a súa intervención, Miguel Fernández, puxo en valor o potencial e a capacidade de cooperación do Eixo Atlántico para avanzar no eido das comunicacións galegas, como ferramenta indispensables para o crecemento do territorio e para a súa maior conectividade con Portugal. A necesidade dunhas mellores infraestruturas foi, precisamente, unha das conclusións presentadas neste informe, unha “fotografía rigorosa do desenvolvemento económico vinculado ás nosas cidades, co obxectivo de facilitar a toma de decisións para fomentar ese avance económico, desde eidos como a loxística, as infraestruturas, o solo industrial, a exportación e a internacionalización, entre outros campos”, sinalou o alcalde lucense.

Segundo o rexedor lucense e presidente do Eixo Atlántico “nestes tempos que estamos a vivir, movidos máis ca nunca polo populismo e pola demagoxia na política, é necesario a toma de decisións desde a información rigorosa e con coñecemento, que é precisamente o que nos facilita este informe”.

Neste sentido, sinalou que dito estudio, elaborado polo catedrático de Economía Aplicada e ex presidente da Xunta, Fernando González Laxe, e polo tamén profesor de Economía e ex ministro de Agricultura de Portugal, Arlindo Cunha, marca a senda a seguir en sectores como o turismo sostible, que se consolida como un dos eidos estratéxicos da Eurorrexión, pero tamén apunta prioridades, sobre todo en materia de infraestruturas, tanto do mapa de infraestruturas do Eixo como do mapa ferroviario de Galicia), e a necesidade dunha mellora que continúa pendente e cuxo avance é imprescindible para atraer investimentos e fomentar un crecemento equilibrado.

A este respecto, Miguel Fernández comentou que “efectivamente, este informe socioeconómico conclúe que pese a que houbo avances, aínda faltan proxectos importantes por desenvolver, especialmente o eixo Ferrol–A Coruña–Lugo–Ourense, ou a saída Sur de Vigo e a súa conexión con Portugal. É necesario, polo tanto, corrixir a asimetría existente entre o eixe da AP-9 e a Galicia interior, unha diferencia que queda patente nos orzamentos da Xunta de Galicia para as provincias de Pontevedra e A Coruña en comparación coas de Lugo e Ourense”.

Nesta liña, o alcalde de Lugo, advertiu de que as actuais políticas de investimento da Xunta están a consolidar “unha Galicia de dúas velocidades”, na que “o eixo da AP-9 segue acumulando recursos, proxectos e oportunidades mentres a Galicia interior queda atrás”. Esta preocupación vese reforzada polos datos dos Orzamentos da Xunta para 2026, que asignan 5.507 millóns de euros á provincia da Coruña e 4.083 millóns a Pontevedra, fronte aos 1.867 millóns destinados a Lugo e 1.733 millóns a Ourense, evidenciando un claro desequilibrio territorial en termos de investimento global.

Aínda que o gasto por habitante nas provincias interiores é superior, Fernández subliña que “os grandes investimentos estratéxicos, os que xeran actividade económica e fixan poboación, seguen concentrándose no litoral”, o que incrementa as diferenzas estruturais. Por iso, o rexedor considera “urxente reverter esta tendencia perigosa” e reclama unha aposta decidida polo interior, lembrando que “Lugo e Ourense teñen potencial, recursos naturais, capacidade produtiva e talento dabondo para contribuír ao desenvolvemento equilibrado de Galicia, se contan co apoio inversor necesario”.

Por último, o alcalde de Lugo, se referiu á posibilidade que ten o Eixo Atlántico de atraer talento e liderar proxectos europeos con proxección internacional, algo que ao seu xuízo indica que “o organismo galaico-portugués continuará sendo un instrumento esencial de transformación urbana e económica”.

Multimedia

  • O alcalde destaca en Viana do Castelo a capacidade de cooperación do Eixo Atlántico para avanzar no eido das infraestruturas para evitar as desigualdades territoriais
  • O alcalde destaca en Viana do Castelo a capacidade de cooperación do Eixo Atlántico para avanzar no eido das infraestruturas para evitar as desigualdades territoriais

Noticias relacionadas