Entra en funcionamento o comité de acoso trala súa renovación para garantir maior transparencia e confianza

O alcalde propuxo a varios compoñentes para esta comisión, mentres que dous dos compoñentes serán determinados pola Xunta de Persoal e o Comité de Empresa.

Miguel Fernández insiste en que “así comprometémonos a preservar a privacidade dos debates e actuacións deste órgano, ao tempo que aseguramos a súa rigorosidade”.

O rexedor destaca “a importancia deste órgano para o bo funcionamento interno do Concello, polo que o proceso de renovación se axilizou o máximo posible”.

Martes, 09 de decembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A designación das e dos integrantes do comité de acoso laboral do Concello de Lugo abriu a renovación deste órgano interno, para “garantir unha maior transparencia e confianza”. Así o explicou hoxe o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, unha vez se deu a coñecer a entrada en funcionamento deste comité, despois da proposta de integrantes realizada polo propio rexedor municipal, á que se suman as dúas persoas que tiveron que propoñer tanto o Comité de Empresa como a Xunta de Persoal.

Trala designación das e dos membros do órgano interno, o comité de acoso laboral entrou en funcionamento, co obxectivo de prever e actuar ante situacións que poidan afectar á dignidade, saúde física ou emocional das e dos traballadores. Neste sentido, Miguel Fernández engadiu que con esta renovación “tamén reforzamos outras funcións deste órgano, como son preservar a privacidade das súas reunións e actuacións e asegurar un funcionamento máis efectivo, imparcial e rigoroso, como unha vía que aporte suficientes garantías ás persoas que deban recorrer a este comité”.

Outra das cuestións sobre as que fixo fincapé o rexedor municipal é na “gran importancia desta comisión para o correcto funcionamento interno do Concello, motivo polo que axilizamos o proceso de renovación o máximo posible”.

Noticias relacionadas