- Tema

* O novo modelo presta especial coidado á accesibilidade, habitabilidade e confort dos usuarios e do condutor, deseñándoo con formas amables e redondeadas, con materiais reciclables e compoñentes reutilizables
* As súas reducidas dimensións fan que sexa moi axeitado para os centros urbanos
O Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade, presentou hoxe o autobús urbano híbrido diesel-eléctrico Tempus que se podería incorporar á rede de autobuses urbanos do Concello. O modelo presentado hoxe conta con 57 prazas, de xeito que 17 persoas poden ir sentadas e 40 de pé. O vehículo estará en probas ata o próximo sábado.
No acto participaron ademais o director xeral da carroceira Castrosúa, empresa fabricante, José Manuel González, e o director de I+D+i, Antonio Barreiro Bravo, así como o responsable de Monbús, José Vidal.
Tal e como explicou o Concelleiro, o autobús funcionará en probas ata o sábado. De adquirilo, o vindeiro ano, incorporaríase á liña que conectará o Novo Hospital coa cidade.
É un modelo experimental que sería pioneiro en España. O custo ascende a 300.000 euros, 80.000 máis que un convencional. A compra, non obstante “compensaría se temos en conta o aforro do combustible dun 45% e a relación calidade-prezo”, expuxo o Concelleiro.
O Concello de Lugo conta con 20 autobuses urbanos, 17 deles adaptados. Así, entre o luns e o sábado pola mañá operan un total de 16 liñas, mentres que o sábado e o domingo traballan 7 e 6 liñas, respectivamente.
Aspectos a destacar
José Rábade explicou que se trata dun autobús que non contamina, silencioso, accesible e coa autonomía dun autobús diesel estándar. Entre as cualidades do vehículo, referiuse así mesmo á súa capacidade, similar a dos vehículos estándar, á diminución de emisións contaminantes e ao menor consumo de combustible. Conta así mesmo, con climatización e foi composto con materiais e compoñentes reciclables e reutilizables.
Con este tipo de vehículo o Concello de Lugo contribuiría na protección do medioambiente e no desenvolvemento económico e empresarial. Trátase dun vehículo sostible que permite a redución da contaminación atmosférica na cidade, así como a redución das emisións acústicas e do nivel de ruído no contorno urbano.
Neste sentido, favorece o fomento do transporte público e da mobilidade sostible, ao tempo que fomenta a mobilidade e rehabilitación de cascos históricos con especial protección para os mesmos.
O Concello de Lugo colaboraría, ademais, no fomento e desenvolvemento das empresas galegas como Castrosúa, reducindo a dependencia da importación de vehículos e fomentando a inversión en transporte público sostible.
Redución da contaminación
A día de hoxe os vehículos híbridos con tracción eléctrica (VHE) son a mellor solución para reducir drasticamente as emisións contaminantes e de efecto invernadoiro, especialmente en contornos urbanos.
Así, os híbridos que combinan un motor de combustión interna e un motor eléctrico son os sistemas híbridos que teñen un maior desenvolvemento.
Para a construción deste tipo de vehículos decidiuse a compra dun vehículo con tracción exclusivamente eléctrica e xeración de enerxía a bordo mediante motor térmico acoplado a un xenerador, un sistema híbrido serie.
Os vehículos híbridos serie utilizan un motor acoplado a un xenerador capaz de producir a suficiente enerxía eléctrica para cargar baterías que achegan a enerxía necesaria para mover o vehículo mediante motores eléctricos.
O novo modelo presta especial coidado á accesibilidade, habitabilidade e confort dos usuarios e do condutor, deseñándoo con formas amables e redondeadas, con materiais reciclables e compoñentes reutilizables. Incorpora, así mesmo sistemas de inclinación lateral que facilitan o acceso e sistemas para embarque de pasaxeiros usuarios de cadeiras de rodas.