O Concello de Lugo e os grupos políticos municipais fixan un calendario para consensuar a aprobación do PXOM

Mércores, 14 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde, José López Orozco, o Concelleiro de Urbanismo, Francisco Fernández Liñares, e os representantes dos distintos grupos políticos con representación municipal, mantiveron unha xuntanza para estudar as alegacións presentadas polos colectivos sociais, colexios oficiais e polos propios partidos políticos ó Plan Xeral de Ordenación Municipal.

O Concelleiro de Urbanismo destacou a gran cordialidade e comprensión na que se desenvolven estas xuntanzas, para as que xa se fixou un calendario de encontros ó longo do mes de agosto.

Para o equipo de goberno o plan debe ser aprobado, dada a súa importancia para a cidadanía, co máximo consenso posible. Segundo Fernández Liñares, “no que é concepción da cidade non hai grandes diferenzas, isto non será un problema.”.

O Concelleiro explicou que nesta xuntanza comezaron coa revisión das alegacións do BNG. “Hai dous puntos de discrepancia, a extensión dos solos urbanizables en zona rural e a previsión do trazado do AVE”.

Neste senso, Fernández Liñares dixo que no primeiro punto se chegará con seguridade a un acordo “non será un gran problema”.
En canto ó trazado do futuro AVE e a ubicación da estación de ferrocarril, recoñeceu que había máis discrepancia.

O goberno local segue a manter a súa opinión de que a estación debe seguir onde está, e non levala ó Ceao como propón o Bloque Nacionalista Galego, “parécenos que levala fóra da cidade é un perxuizo para Lugo”.

En canto a outras cuestión como o tema de elementos a catalogar o Concelleiro destacou que haberá acordo, “nós temos interese en todo o que se refira a catalogación e mantemento dos símbolos que nos caracterizaron históricamente”.

Dixo que as xuntanzas van por bo camiño e adiantou que os seguintes encontros serán os días 7, 9 e 14 de agosto.

Noticias relacionadas