O concelleiro Álvaro Santos explicou que o obxectivo é converter a zona en área verde para “darlle continuidade ao cinto verde impulso así un dos piares do noso modelo de cidade”
O primeiro traballo que deberá entregar a empresa que salga da licitación será un estudo de alternativas onde se valoren a posible incidencia económica para o Concello

A área de Urbanismo do Concello de Lugo acordou a contratación dunha asistencia técnica para elaborar o proxecto de modificación puntual do PXOM no ámbito do URPI-38 (onde se ubica O Garañón) co obxectivo de cumprir coa sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, quen anulou o planeamento urbanístico desta unidade de actuación, a CS-5.
A proposta desta contratación, dos pregos de condicións e das cláusulas administrativas foron aprobadas hoxe na Xunta de Goberno local por un importe de 22.617 euros (IVA incluído).
Así o anunciou o concelleiro da Área de Desenvolvemento Local Sostible, Álvaro Santos, quen sostivo que con este paso se persegue cambiar o PXOM, tal e como indicou o TSXG, pero tamén camiñar cara o obxectivo do Goberno de Lara Méndez para “converter esta área nunha zona verde co fin de dar continuidade ao cinto verde que constitúe o parque de Rosalía de Castro e o Miño, axudando a integrar o río na cidade, impulso así un dos piares do noso modelo de cidade”, argumentou.
Santos lembrou que con vistas á esta modificación puntual, se mantiveron dúas reunións previas coa Consellería de Cultura, en decembro de 2017 e en xaneiro de 2018, e que tamén se lle pediu a Patrimonio da Xunta que informase na definición das determinacións urbanísticas que harmonizasen co entorno ao respecto co fin de traballar conxuntamente –administración autonómica e local-, pero a Xunta rexeitou facelo en xullo do 2018.
O prazo máximo de execución dos traballos contratados será de 25 meses desde que se asine o contrato, que deberán entregarse en varias fases. A primeira delas será a presentación nun prazo dun mes dun estudo de alternativas do PXOM onde se valoren a posible incidencia económica para o Concello e a conversión en zona verde da maior superficie posible.
Paralelamente, o Concello avanza no expediente de restauración da legalidade da urbanización e do edificio.
Audio
- O concelleiro Álvaro Santos, sobre as accións de Urbanismo | Descargar mp3