O Concello de Lugo colabora con Haití a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Xoves, 28 de xaneiro de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo, como membro do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, fai un chamamento a todas as Administracións, entidades e cidadáns para que fagan un esforzo solidario e colaboren coas súas doazóns co proceso de reconstrución de Haití, que se prevé extraordinariamente custoso e longo, após a dramática situación, en termos humanos e materiais, provocada polo terremoto padecido polo Estado caribeño o pasado 12 de xaneiro.

A tal efecto, o Fondo Galego abriu unha conta en Caixa Galicia no que se poden realizar as doazóns: 2091.0209.10.3040019000, indicando "Emerxencia Haití".

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha asociación de Concellos e Deputacións galegas, que naceu en 1997 como un foro a través do que consensuar e concentrar os esforzos dos poderes locais galegos no eido da cooperación ao desenvolvemento, nun compromiso firme e franco cunha xestión profesional e transparente, que garantan a eficacia e eficiencia da axuda, superando divisións partidarias. Desde a súa fundación, a asociación ten desenvolvido 120 proxectos en máis de 20 países, e organizado e editado multitude de actividades e materiais en relación aos desequilibrios existentes entre os países do norte e do sur.

Tamén conta xa con notable experiencia nas accións de reconstrución posteriores a desastres humanitarios. Ten garantido a presenza da solidariedade do pobo galego en catástrofes como a de Sri Lanka, despois do maremoto de 2004, Cuba, despois dos furacáns de 2008, ou Gaza, despois dos bombardeamentos israelitas entre decembro de 2008 e xaneiro de 2009.

Noticias relacionadas