O Concello de Lugo celebrará o X aniversario da Casa da Xuventude cunha programación que lle dá voz á mocidade

A alcaldesa, Lara Méndez, destaca a labor desenvolvida durante estes anos para adaptar “as actividades ás novas necesidades e as novas linguaxes da xente máis moza”-

A concellería de Xuventude, que dirixe Ana Abelleira, centrará as distintas actividades nos días 9,10 e 11 de abril, que combinará actos presenciais, online e o uso das redes sociais.

Exposicións, a presentación do ‘Dicionario Galego para boomers’, actividades de escape room, rutas, faladoiros e música son algunhas das accións previstas.

Martes, 30 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo celebrará o X aniversario da Casa da Xuventude cunha programación que lle dá voz á mocidade

A Casa da Xuventude de Lugo cumpre o vindeiro día 9 de abril unha década de vida. Desde a súa apertura, as instalacións convertéronse nas dependencias de referencia para o desenvolvemento de actividades alternativas para a mocidade máis activa de Lugo de idades comprendidas entre os 14 e 35 anos.

Para conmemorar esa data, o Concello de Lugo, a través da concellaría de Xuventude, que dirixe Ana González Abelleira, desenvolverá unha extensa programación cunha serie de actividades nas que os mozos e mozas lucenses poderán celebrar xuntos esta efeméride, e na que se lle quere dar voz a esa mocidade, “que ten moito que dicir sobre a cidade e a sociedade que construímos entre todos”, sostivo a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.

A rexedora, que hoxe visitou coa edil responsable as melloras desenvolvidas neste mandato nas dependencias da Casa da Xuventude, destacou “a importante labor desenvolvida por todas as persoas que estiveron ao fronte dela todos estes anos, traballo que obriga a estar evolucionando de xeito continuo para chegar á mocidade a través de novas accións e novas tecnoloxías, e incluso de novas linguaxes, porque non son as mesmas inquietudes nin as mesmas necesidades as que teñen agora que as que tiñan hai dez anos”.

A programación do décimo aniversario se desenvolverá durante a fin de semana do 9, 10 e 11 de abril. A concelleira Ana Abelleira sinalou que debido as restricións sanitarias, “non realizaremos actividades multitudinarias, como quixésemos, pero faremos un esforzo importante con pequenas accións presenciais e moitas actividades on line, estando moi presentes tamén nas redes sociais”.

Venres 9 de abril

O aniversario arrincará ás 18.00 horas do venres, 9 de abril, cun acto institucional e co xornalista xornalista Baruk Domínguez como mestre de cerimonias. Montarase un photocall para a ocasión e descubrirase un novo graffiti na fachada da Casa da Xuventude, que será a súa nova imaxe. Ademais, a escola de danza Gravitty Lugo apoiará a gravación dun baile a través de Tik Tok.

Ás 19.00 horas inaugurarase a exposición da fotógrafa Adra Pallón. Baixo o título ‘A crise industrial’, a mostra recolle unha reportaxe sobre a loita dos e das traballadoras en Galicia, destacando a reivindicación de Alcoa por manter os seus postos de traballo.

Ás 19.30 horas presentarase o ‘Dicionario galego para boomers’, elaborado polo alumando de 1º da ESO do instituto lugués Leira Pulpeiro. As e os creadores, que recollen neste traballo definicións de conceptos empregados no día a día polas mozas e mozos, serán os encargados de presentar a iniciativa xunto coas súas mestras, e prometen algunha sorpresa.

Este primeiro día de celebración tamén contempla un Escape Room de misterio no interior da Casa da Xuventude. Esta actividade estenderase ata o 17 de abril, de luns a venres de 17.00 a 18.00 h. e de 19.00 a 20:00 h., así como os sábados, de 11.00 a 12:00 h. e de 13:00 a 14.00 h. en quenda de mañá, e de 17.00 a 18.00 horas e de 19.00 a 20.00 horas en quenda de tarde. As inscricións poden realizarse xa a través da web xuventudelugo.gal. Os grupos serán de máximo 4 persoas por hora.

Sábado, 10 de abril

Ás 11.00 horas, Julen Bollain ofrecerá presentará vía online o libro ‘Hoy es mañana’, un ensaio para a mocidade, no que participan 10 mozas e mozos profesionais de distintas materias e que aborda a necesidade de repensar o futuro e decidir de forma colectiva o mundo postpandemia que se desexa. O enlace para a videoconferencia publicarase nas redes sociais oficiais de Xuventude de Lugo.

Ás 12.00 horas comezará unha ruta sobre a Arte Urbana en Lugo, da man do guía Guido Álvarez. O punto de partida e de chegada é a Casa da Xuventude e é preciso inscribirse en xuventudelugo.gal. O número de participantes determinarase seguindo as indicacións sanitarias.

Pola tarde, dende as 17.00 horas, o protagonista será o RAP co obxecto de promover o talento musical da mocidade luguesa neste xénero.

Domingo, 11 abril

Ás 11.00 horas presentarase vía online o libro ‘Tú no eres tu selfie: 9 secretos digitales que todo el mundo vive y nadie explica’, da autora Liliana Arroyo.

Ás 12.00 horas, a mocidade poderá participar na ruta ‘O Lugo da Xuventude’, dirixida por Guido Álvarez. As inscricións pódense realizar en xuventudelugo.gal

Pola tarde, o Concello programou Faladoiros de Xuventude Activa, a partir das 17:00 horas, onde se quere dar voz á mocidade e as súas inquietudes.

Neles participarán 

  • Ruben Hamade Longarela e Gael Zarza Arias, de Gravitty Lugo, 
  • Nacho Ozores Mosquera, director e editor, que  presenta o seu corto Mentras isto pasa, nominado aos Mestre Mateo
  • Cintia Folgueira Cobos, investigadora postdoctoral no Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares (CNIC)
  • Paula Rodríguez Villamayor, premio Talento Mozo de Galicia, na modalidade de Rural
  • Héctor Castiñeira, coñecido como Enfermera Saturada
  • Diego AS, grafiteiro lucense, semifinalista da Liga Nacional de Graffiti
  • Talía Rodríguez, gañadora do 1º premio do certame #LugoEnIgualdade
  • Mº Isabel Casanova, a protagonista do vídeo premiado
  • Alumnado de 1º da ESO do IES Ánxel Fole, gañadores do 2º premio do certame #LugoEnIgualdade.

O broche de ouro porao o grupo de indie-rock Forget La France. A entrada, salvo para determinadas actividades,  é libre e gratuíta ata completar o aforo, que poderá variar segundo as restricións sanitarias do momento.

Maratón fotográfico en Instagram

Coincidindo coa celebración dos actos conmemorativos do 10º aniversario, Xuventude convoca  un maratón fotográfico, para premiar a creatividade e técnica da mocidade. Poden presentarse mozos e mozas de 14 a 35 anos, empadroados no Concello de Lugo, ou que traballen ou estuden no municipio, que teñan unha conta de Instagram pública. Tamén deberán seguir a conta de Xuventude en Instagram: @XUVENTUDE_LUGO. As e os menores de 18 anos precisarán permiso dos pais, nais ou titores/as.

As imaxes deberán realizarse durante a celebración das distintas actividades que compoñen a programación de dito aniversario. Estas fotografías non poden ser retocadas nin manipuladas en ningún dispositivo externo á cámara ou dispositivo móbil coa que se realice. Cada persoa participante deberá subir ao Instagram unha única fotografía co cancelo #XuventudeActiva. Deberase mencionar no título a @XUVENTUDE_LUGO.

As persoas interesadas deberán realizar a inscrición na páxina web de xuventude, www.xuventudelugo.gal, dende o día da presentación das bases ata o día anterior ao inicio do maratón.

O xurado calificador estará composto por profesionais do sector da fotografía que premiarán a creatividade, a orixinalidade e a calidade fotográfica. A selección das fotografías gañadoras será decisión absoluta do xurado e o seu veredicto, definitivo.

Establécese un único premio dunha fin de semana para dúas persoas nas Cabanas da Chousa, no Veral (Lugo).

Documento

 

Multimedia

  • O Concello de Lugo celebrará o X aniversario da Casa da Xuventude cunha programación que lle dá voz á mocidade
  • O Concello de Lugo celebrará o X aniversario da Casa da Xuventude cunha programación que lle dá voz á mocidade

Noticias relacionadas