O Concello de Lugo celebra o ‘Día Internacional das Nenas nas TIC’ cunha campaña de sensibilización nas redes sociais

A iniciativa, promovida pola área de Muller e Igualdade en colaboración coa Escola de Imaxe e Son de Lugo, pretende fomentar a presenza feminina no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación.

Xoves, 28 de abril de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo celebra o ‘Día Internacional das Nenas nas TIC’ cunha campaña de sensibilización nas redes sociais

O Goberno de Lara Méndez, a través da Concellería de Muller e Igualdade que lidera Silvia Alonso, celebra o Día Internacional das Nenas nas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), que se conmemora cada ano dende 2011 o último xoves do mes de abril coa finalidade de impulsar a participación feminina nun campo aínda moi masculinizado.

“Unha efeméride – segundo sinalou a propia rexedora – que obedece á necesidade de rachar coa brecha dixital feminina que se evidencia ao longo dos anos e que, máis aló dun problema de xénero ten repercusións sobre o desenvolvemento económico e social das rexións, xa que, na actualidade, toda actividade económica conleva, de forma implícita, algún elemento tecnolóxico e se a poboación feminina, que resulta ser a maioritaria, non conta coas habilidades nin o coñecemento necesario estaremos a frear o progreso”, afirmou.

Lara Méndez quixo lembrar tamén o lema deste ano 2022: ‘Acceso e Seguridade’ como unha verdadeira prioridade temática, “xa que se trata de dous aspectos fundamentais para que as nenas poidan entrar en contacto co entorno dixital e as tecnoloxías da información”, sostivo a alcaldesa.

Con este propósito, a Concellería de Muller e Igualdade realizará unha campaña de sensibilización nas súas redes sociais (Facebook e Instagram: @mullereigualdadelugo) para visibilizar o traballo nas TIC,"co obxectivo de normalizar os referentes femininos no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación e promover prácticas que alenten ás nenas e mulleres a considerar a posibilidade de orientar os seus estudos e profesións dentro deste campo", subliñou Silvia Alonso.

Concretamente serán 5 pílulas que gravou e editou a Escola de Imaxe e Son de Lugo, á que a concelleira quixo amosar o seu agradecemento e destacar o seu bo facer. Silvia Alonso tamén tivo palabras de recoñecemento para as protagonistas dos vídeos: Erea Díaz, Paula Vilariño, Melina Pulleiro, Celia López e Claudia Díaz que coas súas gravacións apoian a integración da muller nas carreiras tecnolóxicas.

En España, segundo datos da edición do ano 2020 do “Informe Muller e Tecnoloxía”, elaborado polo sindicato UXT, a presenza feminina nas carreiras universitarias relacionadas coas TIC é dun 26% fronte ao 57% de media global. Por este motivo, Muller e Igualdade puxo en marcha esta iniciativa, que tamén difundirá nos distintos institutos coa intención de animar ás rapazas a estudar e traballar na tecnoloxía e achegarlles a realidade deste ámbito.

Audio

  • A edil de Muller e Igualdade, Silvia Alonso, sobre o Día das Nenas nas TIC | Descargar mp3

Noticias relacionadas