O Concello de Lugo adxudica a II fase de abastecemento a Lugo por preto de 8 millóns de euros

Mércores, 24 de marzo de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

*A infraestrutura de reutilización de auga rexenerada para servizos públicos e industriais fai de Lugo a cidade do norte de España pioneira nesta materia
* López Orozco destacou a satisfacción do equipo de Goberno “porque estamos falando de obras que van permanecer na cidade, de obras que a modernizan, e que poñen a Lugo nas mellores condicións no que se refire ao sistema de auga, tanto no tratamento como na depuración”

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Concelleiro de Medio Ambiente e Zona Rural, Lino González Dopeso, mantiveron hoxe mediante videoconferencia unha Comisión de Seguimento das obras do Abastecemento de Auga a Lugo co Director Xeral de Aquanorte, Vicente Sánchez, para dar conta da adxudicación definitiva e o calendario de traballo da II fase de abastecemento a Lugo, por un importe de 7.691.725 euros á empresa Sacyr. O prazo de execución das obras será de 15 meses e o seu comezo está previsto para o mes de xuño.

O Alcalde de Lugo explicou que a obra conta cunha financiamento de 5 millóns de euros por parte dos fondos FEDER, así como achegas da administración local a través da dunha operación de crédito.

“Creo que merece a pena ese esforzo inversor do Concello porque estamos falando dunha necesidade básica na cidade, que dará servizo de auga aos dous polígonos industriais”.

Así mesmo, López Orozco avanzou que o próximo mércores a Xunta de Goberno Local aprobará a adxudicación definitiva da nova empresa que se fará cargo da posta en marcha da nova planta potabilizadora.

A segunda fase de abastecemento consiste en:
- Instalación dun segundo depósito de auga tratada de 25.000 m³ en Peñarrubia
- Aproveitamento do depósito preexistente no Ceao como complemento do sistema de auga rexenerada
- Condución de 600 mm de diámetro desde os depósitos de Marcelle ao actual depósito do Ceao para subministrar a este desde o de Peñarrubia por gravidade e como comezo dun anel que complete o sistema de subministro da cidade
- Completar o sistema de auga rexenerada provinte da EDAR para dar servizo ao baldeo de rúas, rego de parques e xardíns, etc., mediante unha condución de 250 mm de diámetro que parte da marxe esquerda do río Miño que chega ata o depósito preexistente do Ceao. Este sistema complétase co aproveitamento e rehabilitación dun dos depósitos existentes en Marcelle
- Actuacións complementarias para a accesibilidade, urbanización, seguridade e rehabilitación das instalacións afectadas polas obras de ambas as fases da actuación.

José López Orozco destacou a satisfacción do equipo de Goberno “porque estamos falando de obras que van permanecer na cidade, de obras que a modernizan, e que poñen a Lugo nas mellores condicións no que se refire ao sistema de auga, tanto no tratamento como na depuración”.

Así, resaltou que Lugo é punteiro, “estivemos atentos ás necesidades reais da cidade e agora temos esas necesidade salvadas durante moitos anos”, expuxo.

López Orozco aproveitou para pedirlles aos veciños comprensión cunhas obras que poden ocasionar molestias pero cuxo esforzo se verá compensado “co fin de ter un mellor servizo e a garantía de ter solucionados os problemas de saneamentos e abastecemento da cidade”.

Lugo pecha así a renovación do sistema de abastecemento de auga á cidade, subministrando aos cidadáns unha auga da máxima calidade.

A infraestrutura de reutilización de auga rexenerada para servizos públicos e industriais fai de Lugo a cidade do norte de España pioneira nesta materia.

Multimedia

Noticias relacionadas