O Executivo Municipal vén de adxudicar o contrato para a posta en marcha desta iniciativa, incluída no Plan de Sostibilidade Turística, por un importe de 73.500 euros.
Miguel Fernández: “A través deste club imos estruturar, profesionalizar e promocionar experiencias arredor da nosa gastronomía e dos produtos locais”.
O proxecto contribuirá á creación de rutas e experiencias gastronómicas, á adhesión á marca Saborea España e ao impulso de menús temáticos baseados en etapas históricas da cidade.

O Executivo de Miguel Fernández vén de adxudicar o contrato para o deseño, creación e posta en marcha do Club de Produto “Enogastronomía de Lugo”, unha iniciativa pioneira incluída no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) “...Et Edendo, Lucus: un percorrido histórico pola enogastronomía”, financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España a través da Unión Europea - NextGenerationEU.
Neste senso, o alcalde explicou que “esta iniciativa é unha oportunidade única para reforzar a identidade gastronómica de Lugo, crear un produto turístico diferenciado e dinamizar o tecido empresarial local a través da calidade e a historia da nosa enogastronomía”.
A empresa AVIVAE Soluciones Estratégicas, S.L. foi a adxudicataria do contrato tras presentar a oferta máis vantaxosa entre as catro empresas licitadoras. O orzamento de adxudicación ascende a 73.465, 25 euros, e o contrato terá vixencia ata o 15 de maio de 2026.
Fernández, destacou a importancia deste proxecto como “unha oportunidade única para situar a Lugo no mapa do turismo gastronómico nacional e internacional. A través deste club imos estruturar, profesionalizar e promocionar experiencias arredor da nosa gastronomía e dos produtos locais, integrando tamén o noso patrimonio histórico e cultural como valor engadido”.
O rexedor salientou que “a nosa cidade conta cunha identidade gastronómica rica, diversa e recoñecida. Este proxecto permitiranos crear novas rutas, actividades e menús temáticos baseados nas distintas épocas históricas de Lugo, desde a época romana ata a vangarda culinaria actual. Todo iso contribuirá a atraer visitantes durante todo o ano, reducindo a estacionalidade e xerando actividade económica e emprego”.
Fernández puxo tamén o foco no modelo colaborativo do proxecto: “Queremos construílo da man do sector hostaleiro, dos produtores, dos guías, dos historiadores, e de todos os axentes que fan da nosa gastronomía unha experiencia auténtica. Esta iniciativa non é só do Concello: é unha invitación a sumar esforzos para mellorar a calidade, innovar e proxectar o mellor de Lugo cara ao exterior”.
O Club de Produto “Enogastronomía de Lugo” permitirá ademais a incorporación da cidade á rede Saborea España, a principal plataforma de turismo gastronómico de ámbito estatal, o que suporá un importante escaparate promocional e a oportunidade de formar parte de accións de visibilización e comercialización conxunta a nivel nacional e internacional.
A actuación, enmarcada no Eixe 4 (Competitividade) do PSTD, inclúe entre os seus obxectivos principais:
- A creación dunha marca de calidade enogastronómica.
- A formación e adhesión de establecementos ao club.
- O desenvolvemento de experiencias turísticas baseadas na enogastronomía.
- A creación de materiais promocionais e plans de comercialización innovadores.
“O impulso do turismo no municipio pasa por aliñar tradición, innovación e sustentabilidade. Lugo ten moito que ofrecer, e este club será unha ferramenta estratéxica para facelo da man do sector”, concluíu o alcalde.

