O Concello colabora na celebración da Primeira Semana da Danza

Martes, 26 de abril de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Xuventude, Rosana Rielo, a Directora do Conservatorio de Danza de Lugo, Isabel Méndez, e o membro da ANPA do Conservatorio, Luis Figueiras, presentaron esta mañá o programa de actividades que recolle a celebración da Primeira Semana da Danza.

Segundo destacou a Concelleira de Xuventude, este é o primeiro ano que se celebra o Día Internacional da Danza con actividades que se desenvolverán ao longo de toda a semana. Esta é, segundo sinalou Rielo, “unha estupenda oportunidade para amosar a cidade o traballo tan bo que fan dende o Conservatorio de Danza, e unha boa ocasión para que os lucenses coñezan os grandes artistas que temos na cidade”.

Isabel Méndez, Directora do Conservatorio de Danza de Lugo, e Luis Figueiras, membro da ANPA, deron a coñecer o programa de actos previstos para a celebración da Semana da Danza, que dará comezo mañá mércores coa participación de alumnos e alumnas do Conservatorio de Danza no acto de homenaxe ao compositor lucense Xoan Montes, que se levará a cabo a partir das 20.00 horas no Círculo das Artes de Lugo.

O mesmo mércores, os alumnos e alumnas do Conservatorio tamén participarán, nunha colaboración có Conservatorio Profesional de Música de Lugo, no acto de homenaxe ao compositor Steve Reich, que terá lugar ás 20.00 horas no Auditorio do Conservatorio de Música de Lugo.

O xoves levarase a cabo a cuarta edición do Concurso Coreográfico, que este ano será unha homenaxe a Marius Petipa. A actuación terá lugar no Auditorio Municipal Gustavo Freire a partir das 19.00 horas. Xa o venres, día 29 de abril, e Día Internacional da Danza, o alumnado do Conservatorio de Lugo, aproximadamente uns 150-160 rapaces e rapazas, participarán nunha actuación que se celebrará ás 20.00 horas no Centro Comercial As Termas.

Multimedia

Noticias relacionadas