O Concello celebra o luns o último foro para a elaboración do Plan de Acción da Axenda 21 Local

Sábado, 10 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Medio Ambiente que dirixe Lino González-Dopeso, está a ultimar o proceso de redacción do Plan de Acción da Axenda 21 Local. Este proceso atopará o punto álxido do proceso o luns coa celebración da última edición do Foro da Sustentabilidade, que suporá dar por pechado o proceso participativo de elaboración da A21L.

Esta xuntanza terá lugar ás oito da tarde no salón de actos do Lucus Augusti. Como sempre, poderán participar todos aqueles que o desexen.

O obxectivo desta última xuntanza é presentar e validar as propostas do Plan de Acción. A participación da cidadanía e dos axentes sociais e económicos permitirá dispoñer dun plan axustado á realidade local.

Tras este proceso en marcha, o Concello de Lugo será, depois de Ferrol e Monforte, o que dispoña dunha Axenda 21 Local dentro do Eixo Atlántico. O proceso de elaboración en Lugo está dentro da normalidade, xa que a media é de dous anos e catro meses, cando se dan casos de até cinco anos de proceso.

Un Plan de Acción Local é un instrumento para orientar a xestión e políticas locais en pro da sustentabilidade. Articúlase mediante un conxunto de obxectivos a acadar e accións a executar nun período de varios anos. O Plan de Acción constitúe o elemento fundamental e vertebrador da Axenda 21.

O principal beneficio da posta en marcha de acción local para o municipio é que permite impulsar a execución dunha acción pública de carácter sustentable e de maior calidade, incidindo positivamente na calidade de vida actual e futura da cidadanía.

Dentro do concello a implantación efectiva do Plan permitirá a integración de criterios de sustentabilidade no seu funcionamento, así como unha maior coordinación e comunicación entre departamentos que contribúe a unha xestión municipal máis eficiente.

O Plan de Acción Local estruturase a partir da definición de Eixes de sostenibilidade que constitúen os obxectivos fundamentais aos que pretende dar resposta o Plan. Cada Eixe estratéxico contén obxectivos específicos, enunciados en forma de Programas de Actuación. Estes Programas concrétanse nun conxunto de Accións, que constitúen a unidade básica e operativa do Plan. O Plan de Acción da A21L de Lugo recolle ao redor de 300 propostas. Estas propostas están repartidas do seguinte xeito:

-Desenvolvemento económico 65
-Ordenación do territorio 55
-Medio Ambiente 92
-Servizos Sociais 11
-Participación Cidadá 46.

Diagnóstico
A A21L de Lugo elaborou un diagnóstico participado e como resultado deste proceso identificáronse as principais problemáticas do concello, que foron agrupadas en áreas ou eixes de estratéxicos serviron para articular o Plan de Acción.

Unha vez rematada a fase inicial de diagnose da situación do municipio de Lugo en diferentes ámbitos, comezouse a fase de ideación de propostas de actuación por parte da cidadanía lucense. Esta fase é na que nos atopamos ao día de hoxe e que finalizará coa edición do último Foro da Sustentabilidade. Neste Foro validarase o alcance do borrador do Plan de Acción que se abordará a través dos diferentes programas establecidos.

Neste proceso de elaboración de propostas realizáronse entrevistas coas forzas políticas con representación municipal, encontros con técnicos municipais, elaboración dunha ficha de propostas dirixida ao conxunto da entidades sociais do municipio, sistematización das propostas, realización de contactos co tecido social, tres foros e a elaboración dun documento inicial.

Unha vez realizado o Foro, o Plan de Acción da A21L levarase ao Pleno municipal para a súa aprobación definitiva, polo que pode afirmarse en Lugo disporá do Plan de Acción nos próximos meses.

máis información sobre a Axenda 21

Noticias relacionadas