A área de Urbanismo Sostible trasladaba hoxe á Xunta de Goberno a aprobación da licenza, condicionada pola aparición de restos arqueolóxicos na parcela
Na sesión desta semana o executivo local encomendou a Evislusa os traballos de dirección facultativa do edificio Impulso Verde para favorecer o inicio das obras

A área de Urbanismo trasladaba esta mañá, á Xunta de Goberno Local, a concesión dunha licenza para reestruturar totalmente o edificio, de uso hoteleiro, sito no número 1 da praza de Santo Domingo que alberga un decumano, un anaco de calzada romana – en bo estado de conservación - que ocupa case oito metros cadrados de superficie.
A aparición dos vestixios, achados a finais de 2019 na parcela que ocupaba un antigo inmoble residencial, tivo lugar durante os traballos de demolición do mesmo e obrigaron aos promotores a realizar un proxecto de escavación previo ao da construción que se prevé erguer no predio. Un inmoble composto de planta baixa, cinco plantas altas e baixo cuberta, que conta cun orzamento de 1.447.741’61 euros e que disporá dun prazo de execución de dous anos e medio.
O edil de Urbanismo Sostible destacou que a autorización para comezar as obras chega tan só dúas semanas despois de que a parte interesada entregase, o pasado 30 de setembro, a documentación complementaria que faltaba para poder concluír o expediente.
“A conservación e exposición dos restos arqueolóxicos atopados na parcela obrigou aos inversores a realizar un estudo da cimentación que afectara o menos posible ao xacemento así como á elaboración dunha proposta técnica co fin de que a Consellería de Cultura aprobase a súa exhibición o que, á súa vez, supuxo ter que incorporar un novo proxecto básico e de execución visado polos técnicos correspondentes; procedementos, todos eles, que demoraron a tramitación da licenza”, explicou Miguel Couto.
O concelleiro referiu tamén que na sesión desta semana foron outorgados outros catro permisos, dous deles para proceder á instalación de sendos ascensores nun edificio da Praza Matías García Bernal (45.000 €) e nunha vivenda unifamiliar de Muxa (23.860 €) así como a autorización dun cambio de uso de oficina a vivenda, presupostado en 39.793’96 nun inmoble do Carril das Estantigas e a redistribución dun soto, consistente na unión de dous locais e na eliminación de 3 prazas de estacionamento nun garaxe desta mesma vía na súa confluencia coa rúa Nova.
Por outra banda, denegouse a construción dun alpendre para garda de útiles de labranza en Orbazai, por presentarse un poxecto incompleto e non comparecer ao trámite de audiencia para subsanar as deficiencias atopadas no mesmo.
Igualmente foron encomendados á Empresa Municipal de Vivenda e Solo os traballos de dirección facultativa e coordinación en materia de seguridade e saúde relativos á execución da edificación Impulso Verde. Un encargo, para o que foi habilitada unha partida económica de 32.160 €, e ao que se recorre co fin de favorecer o inicio das obras, debido á experiencia en labores similares coa que conta Evislusa e aos seus coñecementos no desenvolvemento e xestión de obra pública.
Noutra orde de asuntos, o executivo local aprobaba tamén esta mañá a prórroga dos contratos do servizo de vixilancia no Fogar do Transeúnte e no CEI – Nodus, a Seyvi Seguridad, por importe de 28.076 € e 18.020 € respectivamente, e o do mantemento técnico dos contidos do portal municipal do Concello de Lugo á empresa Tecnologías Plexus (9.975 euros).
Ademais subscribiuse un convenio interadministrativo de colaboración polo cal o Concello de Lugo cede temporalmente ao de Barreiros un camión Auto – Bomba – Uro Carroceta (Bomba Rural Pesada), que aquí está inoperativo, para a extinción de incendios.
Audio
- O concelleiro de Urbanismo, Miguel Couto, sobre a licenza do Hotel Santo Domingo | Descargar mp3