O Concello aposta polo deporte de base patrocinando a Copa Umbro de Fútbol 3x3

Martes, 13 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Deportes, José Manuel Díaz Grandío, presentou esta mañá xunto ao Director da Xira Fútbol Park- Copa Umbro, -Javier Pleguezuelos- e o Director de Área de Negocios de La Caixa -José Manuel López- a quinta edición da Copa Umbro de Fútbol 3x3, que é o acontecemento deportivo itinerante máis importante de España. Na Copa Umbro participan máis de 40.000 nenos de entre 7 e 12 anos de vintecinco cidades españolas e en Lugo está prevista a participación de máis dun centenar de rapaces.

Este torneo disputarase os días 31 de marzo e 1 de abril na Praza de Augas Férreas, onde se instalarán uns campos para xogar os encontros. Estes espazos están dotados dun perímetro hinchable que protexe aos nenos de golpes ou caídas. As dimensións están adaptadas aos seis xogadores que desenvolven un xogo fluído e moi dinámico, pois nesta modalidade de Fútbol 3x3 non se pitan faltas polo que o xogo é continuo. Os partidos teñen unha duración de 10 minutos e son disputados por dous equipos de tres rapaces.

A inscrición é gratuíta e poden formalizala ata ás 14 horas deste venres na Concellería de Deportes ou no establecemento Élide.

O edil destacou a importancia deste tipo de acontecementos deportivos, pois fomentan o deporte de base e supón unha aposta do Concello de facilitar o acceso dos nenos ao deporte. Ademais, tal e como explicou Díaz Grandío, "supoñen unha experiencia de convivencia única entre os rapaces, sobre todo na final onde se atopan nenos de toda España" .

Esta actividade complétase con outras, pois tamén se instalará unha zona de ocio deportivo con canchas de minibasket, minitenis e os populares chutódromos.

Os rapaces que participen recibirán agasallos e os equipos gañadores enfrontaranse co resto dos finalistas en Terra Mítica os días 30 de xuño e 1 de xullo na Fase Final.

Noticias relacionadas