- Tema
O Concello de Lugo vén de ampliar o prazo para solicitar as subvencións que concede para facer a Inspección Técnica de Edificios.
Con esta prórroga, as axudas poderanse solicitar ata o día 27 de decembro. O prazo amplíase dúas semanas máis para darlle tempo a todos os veciños interesados en acceder a estas axudas que subvencionan ás familias con escasos recursos que fagan a inspección en voluntaria.
O Goberno local tomou esta medida para favorecer que se poidan beneficiar destas axudas o maior número de persoas que se atopen nesta situación, algo no que coincide co Partido Popular que tamén defende a prórroga do prazo de presentación das solicitudes para as subvencións da ITE. O PP propuxo a ampliación do prazo ata o día 31 de decembro pero os servizos técnicos do Concello consideran inviable prorrogalo ata o último día do ano porque dese xeito non daría tempo a tramitar e resolver a concesión das axudas.
Para facilitar a solicitude das subvencións polo maior número de persoas que se poidan beneficiar delas o Concello tamén enviou cartas a todos os propietarios obrigados a pasar a inspección antes do 31 de decembro. Nelas informáselles da necesidade de que pasen a ITE e tamén da existencia desta liña de subvencións habilitada polo Concello.
O importe da axuda que lles concederá o Concello pode chegar ata o 75% do custo do informe, tendo en conta os honorarios establecidos no convenio que asinou o Goberno local cos Colexios de Arquitectos e Aparelladores.
As subvencións destínanse a propietarios de edificios construídos antes de 1951 e que teñan uns ingresos inferiores a 13.299,30 euros.
Solicitude e bases: sección Tramita na túa casa
ITE: Inspección Técnica de Edificios