O Concello adxudica os primeiros hortos urbanos municipais

As persoas interesadas poden consultar a listaxe provisional de adxudicación tanto na web municipal como no taboleiro de anuncios. A duración das autorizacións será de dous anos vexetativos

Daniel Piñeiro destacou o éxito desta primeira convocatoria do uso temporal destas parcelas; ao tempo que subliñou que "son os primeiros hortos municipais da cidade, e non os últimos", pois o Goberno proxecta a creación deste tipo de parcelas nas Gándaras, dentro do proxecto Lugo+Biodinámico

Con esta adxudicación, que se fixo baixo criterios sociais, "o Goberno continúa impulsando unha forma máis sostible de disfrutar da cidade, recuperando espazos de uso público para o seu uso público"

Luns, 30 de abril de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo vén de publicar a listaxe provisional de persoas adxudicatarias dos hortos urbanos municipais que o Goberno acondicionou no Parque dos Paxariños. Así o avanzou este luns o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, quen subliñou que a lista se pode consultar tanto na páxina web municipal, www.lugo.gal, como no Taboleiro de Anuncios da entidade local. Tras esta exposición pública, por un prazo de 10 días naturais dende o vindeiro mércores, 2 de maio, ditarase resolución definitiva.

O edil destacou o éxito desta primeira convocatoria do uso temporal dos hortos, á que se presentaron 36 persoas, máis das parcelas que ofrece o Concello; ao tempo que subliñou que "son os primeiros hortos municipais da cidade, e non os últimos", pois o Goberno proxecta a creación deste tipo de parcelas nas Gándaras, dentro do proxecto Lugo+Biodinámico que lidera o Concello.

Con esta adxudicación, que se fixo baixo criterios sociais, tal e como se reflexa na ordenanza reguladora, aprobada por unanimidade no Pleno Municipal; "o Goberno continúa impulsando unha forma máis sostible de disfrutar da cidade, recuperando espazos de uso público para o seu uso público".

O Concello tratará de proporcionar a cada persoa usuaria unha superficie mínima de 30 metros cadrados. A duración das autorizacións será de dous anos vexetativos.

Mil metros de hortos

Os hortos urbanos que creou o Concello no Parque dos Paxariños teñen unha extensión total de 3.000 metros cadrados, dos cales se empregarán para o cultivo 1.085, distribuídos en 33 parcelas, e os restantes son zonas comúns: un aparcamento, unha caseta de madeira para apeiros e material, fontes de rega e mesas e bancos de uso público, todo, integrado no entorno.

Os hortos están destinados ao autoconsumo para favorecer os hábitos de vida saudables a través do cultivo de productos ecolóxicos. O investimento que destinou o Concello para o acondicionamento dos hortos foi de 60.000€.

Audio

  • Daniel Piñeiro sobre a adxudicación dos Hortos Urbanos | Descargar mp3

Noticias relacionadas