O alcalde logra o compromiso do Goberno Central de iluminar a rotonda de Nadela e da posta a punto da Ponte Branca

O Ministerio de Transportes traballa para que esta obra na glorieta estea operativa antes de final do ano así como para a próxima limpeza e reparación da ponte sobre o Miño.

Tamén se avanzou na nova Comisaría de Policía, unha vez que as parcelas municipais xa están incorporadas ao patrimonio do Estado, polo que pódese iniciar a redacción do proxecto.

Miguel Fernández califica de moi satisfactoria a primeira reunión co delegado do Goberno, Pedro Blanco, na que tamén participaron a subdelegada e o edil de Urbanismo.

Mércores, 02 de abril de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O alcalde logra o compromiso do Goberno Central de iluminar a rotonda de Nadela e da posta a punto da Ponte Branca

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, logrou esta mañá o compromiso do Goberno central de iluminar a rotonda de Nadela e da posta a punto da Ponte Branca, dúas actuacións “moi demandadas e cruciais para a cidade”, segundo o rexedor, que se mostrou “moi satisfeito cos resultados desta primeira reunión co delegado do Goberno, Pedro Blanco, á que tamén asistiron a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e o edil de Urbanismo, Jorge Bustos.

Tal e como explicaron Pedro Blanco e Miguel Fernández, ao remate da reunión de traballo, o ministerio de Transportes está a traballar para proceder ao cambio de luminarias VSAP existentes por LED. Neste sentido o alcalde de Lugo sinalou que “esta actuación é importantísima para unha glorieta como a de Nadela, na que conflúen ata seis estradas, e xunto co Ministerio de Transportes marcámonos o obxectivo de que poida estar operativa antes de rematar o ano”. Esta obra responde, segundo o alcalde ás demandas de veciños e veciñas, ás que se sumará tamén o compromiso de actuar na travesía, coa remodelación do firme e o pintado da rúa.

No que se refire á Ponte Branca, o compromiso é o de acometer a súa limpeza e pintado, ademais de executar pequenas reparacións, necesarias para a súa posta e punto. Esta obra, que tamén levará a cabo o Ministerio de Transportes, contribuirá a mellorar ademais a imaxe dunha infraestrutura que a xuízo do alcalde é un referente visual da cidade.

A reunión de hoxe serviu ademais para falar do avance experimentado no proxecto da nova Comisaría de Policía, unha vez que as parcelas municipais de Abella, cunha superficie total duns 2.600 metros cadrados, xa están incorporadas ao patrimonio do Estado e pódese iniciar a redacción do proxecto.

Novas demandas

Miguel Fernández agradeceu a receptividade do delegado do Goberno en asuntos claves para a cidade, nos que requírese a implicación de diferentes ministerios. Neste sentido, ademais de coñecer os compromisos do Goberno Central en Lugo e dos avances en distintas actuacións, puxo sobre a mesa outras demandas para a cidade como unha intervención na Rolda Norte, que evite as dificultades de comunicación entre o polígono de As Gándaras e o propio barrio. A este respecto o alcalde explicou que “é importante buscar unha solución para eliminar o risco e a mala conectividade nesta zona, e aínda que nós pensamos nun paso elevado haberá que estudiar as posibles solucións”.

Pola súa banda, o delegado do Goberno, sinalou que “a próxima semana pecharemos unha reunión co xefe de Estradas de Galicia, a Subdelegada e o alcalde para buscar posibles solucións construtivas a unha demanda, que entra dentro das humanizacións que estamos levando a cabo na Estratexia 2030, que este Goberno está abandeirando”. 

O alcalde de Lugo fixo referencia tamén á cooperación entre administracións tan importante para o desenvolvemento de proxectos turísticos, educativos e tamén culturais. Neste sentido, destacou que “desde o Concello de Lugo imos impulsar a declaración do Vello Cárcere como Lugar de Memoria Democrática a través dunha reunión co Secretario de Estado de Memoria Democrática”, unha proposta coa que o delegado do Goberno mostrouse moi receptivo.

Ademais, no transcurso deste primeiro encontro oficial, falouse doutros proxectos nos que se está a avanzar como é a integración de Lugo no sistema Viogen do Ministerio do Interior para o seguimento e protección de vítimas de violencia de xénero. Neste sentido, Miguel Fernández sinalou que “todo indica que poderíamos contar co equipo policial operativo moi a curto prazo”.

Audio

  • O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre o Vello Cárcere e a Ronda Norte | Descargar mp3
  • O delegado do Goberno, Pedro Blanco, sobre o Vello Cárcere e a Ronda Norte | Descargar mp3

Multimedia

  • O alcalde logra o compromiso do Goberno Central de iluminar a rotonda de Nadela e da posta a punto da Ponte Branca
  • O alcalde logra o compromiso do Goberno Central de iluminar a rotonda de Nadela e da posta a punto da Ponte Branca
  • O alcalde logra o compromiso do Goberno Central de iluminar a rotonda de Nadela e da posta a punto da Ponte Branca
  • O alcalde logra o compromiso do Goberno Central de iluminar a rotonda de Nadela e da posta a punto da Ponte Branca

Noticias relacionadas