Novo achegamento aos escolares ao mundo da música cunha edición máis do ciclo de concertos didácticos

Carmen Basadre, acompañada de Carlos Méndez, deu a coñecer esta programación que arrincará o vindeiro martes no CEIP de Albeiros e rematará o 15 de xuño, tras pasar por 24 centros educativos e o Hospital de Calde

Como broche de ouro a este ciclo, o 15 de xuño, ás 19:00 horas, terá lugar, no Auditorio Municipal Gustavo Freire un concerto extraordinario do alumnado da Escola Municipal de Música de Lugo. A entrada será gratuíta

Venres, 31 de marzo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, acompañada do Director da Escola Municipal de Música, Carlos Méndez, deu a coñecer este venres a nova programación do ciclo de concertos didácticos, que arrincarán o vindeiro martes, 4 de abril, e que se desenvolverá ata o xoves, 15 de xuño, nun total de 24 centros educativos lucenses e no Hospital de Calde.

Esta xa é a quinta edición deste ciclo posto en marcha polo Concello, que permite aos nenos e nenas de entre 3 e 12 anos coñecer os diferentes instrumentos musicais e achegarse á música en vivo dun xeito lúdico, grazas á Escola e á Banda Municipal de Música. Durante o concerto didáctico, que ten unha duración duns 45 minutos, nesta edición presentarase un espectáculo musical onde o fío conductor será a maxia, que leva por nome Fantasía. Para elo contarase coa participación do Mago David Méndez, que deleitará cos seus trucos a públicos de todas as idades.

No acto de presentación, Carmen Basadre valorou a música como elemento fundamental para a aprendizaxe dos máis cativos, posto que impulsa o desenvolvemento das súas habilidades. Ademais, tamén lembrou o éxito acadado por esta programación nos catro anteriores.

Pola súa banda, Méndez agradeceu o apoio do Goberno por seguir apostanto por este ciclo e para que a Escola Municipal de Música siga sendo 100% pública. Ademais, avanzou que nas súas visitas aos centros educativos repartirán folletos con información para que o alumnado podan matricularse na escola. O prazo será do 19 de abril ao 19 de maio para os que decidan continuar os seus estudos na escola, e do 22 de maio ao 28 de xuño, para os de nova inscrición. A matrícula farase por rexistro.

Os concertos didácticos levaranse a cabo nos centros educativos de Albeiros, Lucus Augusti, A Milagrosa, Divino Maestro, Sagrado Corazón, Illa Verde, Colexio Plurilingüe Divina Pastora, A Ponte, Virxe da Soidade, Santa María, Rosalía de Castro, Franciscanos, San José, Maristas, Luis Pimentel, Fingoi nº2, Casás, Benigno Quiroga Ballesteros, Anexa, Manuel Mallo Mallo, Menéndez Pelayo, María Auxiliadora e As Mercedes.

Como broche de ouro a este ciclo, o vindeiro 15 de xuño, ás 19:00 horas, terá lugar, no Auditorio Municipal Gustavo Freire un concerto extraordinario do alumnado e familias da Escola Municipal de Música de Lugo. A entrada será gratuíta. Tamén se ofertan 2 concertos extraordinarios os días 14 e 15 de xuño, con horario de mañá, no Auditorio Municipal para os centros educativos da cidade que non teñen un espazo para acoller a agrupación no seu centro e para todos os centros de infantil e primaria da provincia de Lugo que consideren desprazarse a Lugo para gozar do evento.

Audio

  • Carmen Basabre sobre os concertos didácticos (Audio 1) | Descargar mp3
  • Carmen Basabre sobre os concertos didácticos (Audio 2) | Descargar mp3

Multimedia

  • Novo achegamento aos escolares ao mundo da música cunha edición máis do ciclo de concertos didácticos

Noticias relacionadas