Muller e Igualdade pon en marcha unha nova edición da campaña "Vive o Entroido libre de roles e estereotipos machistas"

Mércores, 15 de febreiro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Muller e Igualdade pon en marcha unha nova edición da campaña "Vive o Entroido libre de roles e estereotipos machistas"

O Goberno de Lara Méndez a través da Concellería de Muller e Igualdade, que lidera Silvia Alonso, vén de poñer en marcha unha nova edición da campaña "Vive o Entroido libre de roles e estereotipos machistas", unha iniciativa da Casa da Muller por un entroido libre de sexismo dende a nenez.

A campaña, impulsada polo Goberno de Lara Méndez, céntrase principalmente na responsabilidade das familias á hora de comprar o disfrace e ten como obxectivo conciencialas ao redor de que o ideal é que os disfraces poidan ser utilizados indistintamente polas nenas e por nenos, cortando desta forma cos estereotipos asignados a mulleres e homes.

Muller e Igualdade, consciente de que o sexismo segue a manifestarse nos disfraces, remitirá unha serie de recomendacións ao respecto aos colexios e ás asociacións de nais e pais dos distintos centros escolares, ao tempo que se difunden a través de accións de rúa.

Tal e como explicou Silvia Alonso, entre as recomendacións a ter en conta no momento da selección da compra ou confección dun disfrace figura descartar aqueles disfraces que supoñan unha "hipersexualización" que afecta en moitos casos ás nenas menores de idade; por exemplo, aqueles disfraces de profesións dos que existen un modelo para home e a súa versión "sexy" para a muller, así como elixir disfraces que estimulen a imaxinación de nenas e nenos e desenvolvan a súa creatividade.

Noticias relacionadas