A praza de Santo Domingo converteuse en punto de reivindicación da eliminación da Violencia contra as Mulleres

A edil de Muller e Igualdade deu paso á lectura do manifesto a cargo dunha antiga usuaria da Casa da Muller, nun acto que reuniu a numeroso público pese á choiva.

Ángeles Novo sinalou que “hoxe é un día para reafirmarnos na responsabilidade que temos como sociedade de garantir vidas libres de medo, de agresións e de desigualdades”.

No manifesto fíxose fincapé na “necesidade de erradicar unha violencia que continúa a ser estrutural na nosa sociedade e condenar o negacionismo que só fere a memoria das vítimas”.

Martes, 25 de novembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A praza de Santo Domingo converteuse en punto de reivindicación da eliminación da Violencia contra as Mulleres

As inmediacións da árbore da vida de Santo Domingo acolleron esta mañá o acto institucional polo 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, organizado pola área de Muller e Igualdade do Concello de Lugo, ao que acudiron multitude de lucenses, que quixeron mostrar así o seu compromiso para loitar fronte á violencia machista, pese á forte choiva que apareceu pouco antes de rematar a lectura do manifesto.

A edil Ángeles Novo foi a encargada de dar paso a esta lectura, a cargo dunha antiga usuaria da Casa da Muller, non sen antes resaltar que “hoxé é un día para reafirmarnos na responsabilidade que temos como sociedade de garantir vidas libres de medo, de agresións e de desigualdades”. A edil de Muller e Igualdade falou da importancia de “lembrar ás mulleres que xa non están, pero tamén de acompañar a aquelas que seguen sufrindo violencia” ao tempo que fixo fincapé en que “esta violencia non é un problema individual: é unha vulneración dos dereitos humanos que nos afecta a todas as institucións e ao conxunto da cidadanía. E por iso estamos aquí: para unir voces, vontades e esforzos”.

Antes de rematar, Ángeles Novo sinalou que “cada avance, cada recurso e cada medida de protección só ten sentido se somos quen de chegar a tempo, de escoitar, de crer e de actuar. Ese é o compromiso que asumimos hoxe e todos os días do ano”.

Comezou entón a lectura do manifesto, a cargo dunha antiga usuaria da Casa da Muller de Lugo. “A defensa dos principios de igualdade, seguridade, liberdade, integridade e dignidade inherentes a todos os seres humanos son unha prioridade para todos e todas, e nesta liña comprometémonos coa loita contra a violencia exercida contra as mulleres polo simple feito de selo e contra os seus fillos e fillas”, sinalou.

Ademais, lembráronse ás 39 mulleres mortas a mans das súas parellas pu ex parellas e aos tres menores foron asasinados en contextos de violencia de xénero, sumando xa 65 dende 2003. Igualmente, se explicou que o último informe do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial advirte dun incremento do 5 % nas denuncias en Galicia respecto ao ano anterior.

Neste sentido, a encargada de ler o manifesto explicou que “vivimos nunha sociedade legalmente igualitaria, con un marco xurídico que nos sitúa á vangarda dos países do entorno, a nivel estatal e autonómico, pero onde as cifras de mortes e agresións contra as mulleres e as súas fillas e fillos continúan sendo abrumadoras”. Por iso, sinalou é tan importante “incrementar os esforzos para dar unha resposta integral ás vítimas e erradicar aquelas actitudes e comportamentos que reproducen a desigualdade e que están na orixe da violencia de xénero, contribuíndo a perpetúala”.

Pouco antes de rematar a lectura, destacouse a “condena de cada acto, a cada agresor, e tamén a quen nega, minimiza ou xustifica a existencia desta violencia. O negacionismo non só fere a memoria das vítimas, senón que desprotexe ás que sofren e debilita o compromiso social necesario para combatela. Negar ou relativizar a violencia machista é contribuír á súa persistencia, e fronte a iso as institucións galegas deben manterse firmes, unidas e comprometidas”. Por último, fixo un chamamento para que “as mulleres alcen a voz, con toda convicción: hai saída, e non están soas. Nin hoxe, nin nunca”.

O acto rematou cunha ofrenda floral e coa iniciativa Trebón Morado, a cargo da Asociación Mulleres Empresarias, que colaborou coa área de Muller e Igualdade nesta iniciativa, co reparto de abanos morado. Pola súa banda, desde a concellería que dirixe Ángeles Novo se repartiron paraugas e botelas de cristal moradas entre as e os asistentes ao acto.

Multimedia

  • A praza de Santo Domingo converteuse en punto de reivindicación da eliminación da Violencia contra as Mulleres
  • A praza de Santo Domingo converteuse en punto de reivindicación da eliminación da Violencia contra as Mulleres
  • A praza de Santo Domingo converteuse en punto de reivindicación da eliminación da Violencia contra as Mulleres

Noticias relacionadas