O programa desenvolveuse con 29 alumnas e alumnos de BAC, quen fixeron un test para comprobar aspectos como os estereotipos e as condutas que prexudican á igualdade.
A edil de Muller, Ánxeles Novo, na súa visita ao centro educativo falou da “importancia de frear o negacionismo sobre a violencia machista de discursos moi perigosos nas redes”.
O resultado do test realizado neste instituto unirase aos doutros centros para dar a coñecer os datos globais nun informe que se fará público de cara ao 8M.
- Tema

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Muller e Igualdade, participou esta mañá no IES Ánxel Fole nunha iniciativa, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias, Fegamp, que baixo o nome “Cambia de Bando”, ten cono obxectivo promover a igualdade de xénero e loitar contra o machismo a través da sensibilización e a educación, poñendo en cuestión estereotipos, prexuízos e condutas normalizadas que perpetúan a desigualdade, convidando a reflexionar e a dar un paso ao cambio. Este programa se está a realizar en varios centros educativos galegos, e esta mañá desenvolveuse no IES Ánxel Fole, coa participación de 29 alumas e alumnos de primeiro de BAC. Alí estivo a edil de Muller e Igualdade, Ángeles Novo, quen falou da “importancia de erradicar estereotipos machistas e de poñer fin ao negacionismo sobre a violencia machista con discursos moi perigosos nas redes sociais”, ao tempo que fixo fincapé na necesidade de “loitar de xeito transversal contra unha lacra que nos afecta a todos e todas como sociedade”.
Xunto á edil de Muller e Igualdade no Concello de Lugo, estivo a Secretaria Xeral da Fegamp, Patricia Vilán, e a profesora do IES Ánxel Fole, Felisa Redondo. Na sesión de hoxe, o alumnado realizou un test a modo de cuestionario, que baixo o título “canto machismo tes” permite facer un estudio sobre a percepción do machismo e da igualdade dos mozos e mozas.
Este proxecto está sendo desenvolvido dende a colaboración cos concellos e promove a igualdade de xénero e a loita contra o machismo a través da sensibilización e a educación dirixida á mocidade.
Ángeles Novo se dirixiu ao alumnado do primeiro de BAC deste centro poñendo en valor que “é precisamente a xuventude quen ten a capacidade de lograr unha sociedade máis xusta, libre de violencia e igualitaria”, algo para o que sinalou é moi importante “poñer en cuestión estereotipos machistas e condutas normalizadas que fan moito dano porque contribúen a esta desigualdade en moitos ámbitos da nosa sociedade”.
Esta iniciativa que se leva desenvolvendo ao longo deste ano en varios centros galegos, continuará durante este mes de decembro para pechar a campaña en xaneiro. Os resultados deste programa, que ten como lema “Se queres igualdade, queres feminismo: que a vergoña cambie de bando”, daranse a coñecer cos datos globais, nun informe que se presentará de cara ao 8M, Día Internacional da Muller.



