Máis de 5.500 persoas inscritas nas escolas deportivas que ofrece o Concello de Lugo

Dos 19 cursos ofertados, 5 son xestionados directamente pola Concellería de Deportes e no resto, a entidade local aporta as diferentes instalacións

Martes, 31 de xaneiro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo, a través da área de Deportes, que dirixe Miguel Fernández, ofertou para o presente curso escolar, que arrincou o pasado mes de outubro e que dura ata maio de 2017, un total de dezanove cursos nos distintos espazos deportivos da cidade. Os participantes van dende os tres anos en adiante, sen límite de idade.

Cinco destes cursos son directamente organizados e xestionados pola propia Concellería de Deportes. A natación é a modalidade máis demandada, con máis de 4.100 usuarios, 1.950 prazas de adultos e outras tantas para menores, ademais de 210 intensivos para rapaces e rapazas xa impartidas no mes de setembro.

As escolas de ximnasia e natación para maiores, tamén xestionadas polo Concello,  contan, para este curso, cun un total de 415 prazas.

A terceira actividade máis practicada nas Escolas Deportivas Municipais é o baloncesto, que este ano conta coa participación de 113 persoas.

O Boxeo, actividade cuxas autorizacións xestiona o Concello, ten nestes intres un total de 102 matriculados.

No resto de escolas deportivas o Concello aporta as diferentes instalacións, xestionando directamente os diferentes clubs as actividades, a matriculación, o cobro, as altas e as baixas.

Son máis de 1.500 persoas as que se benefician destas actividades de modalidades deportivas tan variadas como  balonmán, béisbol, ciclismo,natación sincronizada, tiro olímpico, espada, loita, patinaxe en liña e artístico (2 escolas), predeporte e psicomotricidade, rugby, taekwondo, tenis, tríatlon, e ximnasia rítmica.

Noticias relacionadas